CIG-Saúde aposta por seguir traballando para mellorar as condicións laborais e asistenciais nos PACs
Defende que se traslade ao persoal información “veraz e transparente”
- Atención primaria
- Sanidade Pública
Foi necesario que PACs en Pé de Guerra se mobilizara durante un ano e que se convocara unha folga indefinida para que o SERGAS tivera a ben presentar, neste mes de febreiro, unha proposta que, tal e como se manifestou na mesa por representantes do comité de folga, atendía no 95% das demandas. Unha proposta sobre a que a CIG-Saúde propón traballar para solucionar, na súa totalidade, as demandas das e dos traballadores dos Puntos de Atención Continuada.
Por iso a CIG-Saúde non entende o posicionamento que defenden CCOO e OMEGA, máis alá de atender os seus intereses, “puramente electorais”, porque “en vez de manter a unidade de acción e sumarse ao traballo conxunto para acadar as demandas, convocaron para esta mesma mañá unha rolda de prensa sen previa reunión coas áreas e as comarcas e máis cando catro persoas do comité de folga presentaron a súa dimisión. Algo do que a CIG non vai participar”.
“O que toca é recompoñer esta situación, escoitar por que o persoal rexeitou a proposta, cales son as melloras e obxectivos que percibe que non están aínda contemplados e traballar conxuntamente nese sentido para acadalos”.
María Xosé Abuín
Por iso defende que a información referida ás propostas presentadas en Mesa Sectorial se trasladen con transparencia, veracidade e sen manipulación algunha a todas as traballadoras e traballadores para o seu coñecemento e valoración.
A CIG-Saúde aposta polo cumprimento dos Acordos acadados en 2008 -que leva desde aquela demandando que se apliquen- para mellorar as condicións laborais e asistenciais. Unha mellora pola que seguirá loitando incansablemente. Entende ademais que “asinar acordos co SERGAS non é un fin en si mesmo, senón acadar esas melloras”.
“Asinar acordos co SERGAS non é un fin en si mesmo, senón acadar esas melloras”