CIG-SAÚDE aposta por unha Formación Profesional que recolla o actual mapa de competencias profesionais das/os Técnicas/os en Coidados Sanitarios ( TCAEs)

Estas reivindicacións serán presentadas pola CIG na reunión do Consello Xeral de Formación profesional que terá lugar hoxe mércores 29 de abril de 2020.

  • Formación
  • Sanidade Pública

 

CIG-SAÚDE solicita ao Consello Xeral da Formación profesional e ao Ministerio de Educación e Formación Profesional:

  • A retirada do título de Técnico en Coidados Sanitarios (TCAEs) por non recoñecer o mapa de competencias que estas/es traballadoras/es desenvolven na súa actividade laboral.
  • Dimensionar de forma axeitada os módulos formativos, as unidades de competencia, e o número de horas de formación.
  • A súa correcta cualificación profesional.

Da documentación que vén presentando o Consello Xeral da Formación Profesional para a revisión da cualificación profesional, ou para a elaboración dos currículos formativos dos títulos da rama sanitaria, vimos detectando que hai unha fenda importante entre o mapa de competencias profesionais que cada colectivo desenvolve na súa actividade laboral, e o seu currículo e clasificación profesional.

A Lei 55/2003,do 16 de decembro, do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde recolle na súa Disposición Transitoria sexta o seguinte:

  1. b) Manteranse vixente, en tanto non se proceda á súa regulación en cada servizo de saúde, as disposicións relativas ás categorías profesionais do persoal estatutario e as funcións das mesmas contidas nas normas previstas na Disposición Derrogatoria Única e), f) e g).

Ao non ter desenvolvido os servizos de saúde a devandita disposición transitoria sexta, en materia de funcións seguen vixentes  as seguintes normas:

  1. f) O Estatuto do persoal sanitario non facultativo das Institucións Sanitarias da Seguridade Social aprobado pola Orde do 26 de abril de 1973, así como as disposicións que o modifican, complementan e desenvolven.

Se para a elaboración dos currículos e da clasificación profesional tense como referencia as funcións recollidas nestas Ordes dos anos 70, isto implica que as titulacións de formación profesional non dan unha resposta formativa adecuada ás funcións que os diferentes  colectivos desenvolven na súa actividade profesional.

Desde CIG-SAÚDE propoñemos a creación dun grupo de traballo para a elaboración dun currículo profesional que recolla o mapa de competencias das/sos Técnicas/os en Coidados Sanitarios (TCAEs). Un mapa de competencias actualizado ás funcións que realizan na súa actividade laboral.  Incluíndo dentro del as funcións que na actualidade teñen recoñecidas como propias da súa categoría, e o resto de funcións que realizan por delegación doutros colectivos.

Desde CIG-Saúde exiximos á elaboración do currículo profesional das TCAEs acorde coa actividade laboral que desempeñan; e se lle outorgue a clasificación profesional que lles corresponde.

Volver