CIG-Saúde Compostela convoca concentración para o día 4 de abril ás 12h diante da entrada principal do H. Psiquiátrico "Pola seguridade nos postos de traballo"

  • Santiago

No Hospital Psiquiátrico de Conxo a día de hoxe non hai Plans Funcionais que definan as diferentes unidades, os recursos materiais e humanos necesarios tendo en conta todas as categorías profesionais e establecendo ratios seguros de paciente/persoal segundo tipoloxía de coidados, coa definición de funcións e tarefas a desenvolver, xunto cun plan de formación específico. A pesar do comezo da elaboración dun Plan de Calidade propio no Hospital Psiquiátrico atopámonos nunha situación de parálise do mesmo, sen que transcenda a consecución de reunións para a súa continuidade de elaboración.

A Xerencia está a eludir a súa responsabilidade para manter unha asistencia sanitaria segura e de calidade, sen tomar as medidas propostas nos requirimentos da Inspección de Traballo no tocante a adopción de medidas médicas e organizativas. Claro exemplo disto é que tras o acordo da redución de xornada laboral do mes de abril do ano pasado, con redución de 70 horas de xornada neste ano 2024, á hora da súa aplicación por parte da Dirección supón unha perda de profesionais en diferentes quendas de traballo, existindo negativas de reforzo nas unidades tras petición dos profesionais e mantendo mobilizacións de persoal dunhas unidades a outras.

Toda esta situación está a supor un aumento no número de episodios de violencia laboral, sen que existan equipos de intervención en crise.

A Xerencia desta área sanitaria nega todo deber de protección as traballadoras, sen aplicar medidas preventivas axeitadas, pero si aplica unha hipocrisía e abuso de poder cada vez máis acusado, sen facer reavaliacións dos postos de traballo conforme a normativa, sen haber no día de hoxe convocatoria no primeiro trimestre anual do Comité de Seguridade e Saúde e vetando os dereitos de liberdade sindical tras petición por parte deste central sindical nos meses de xullo e outubro do ano 2023, dunha reunión extraordinaria para tratamento das diferentes problemáticas nas unidades de psiquiatría, e sen informar dos datos de violencia laboral externa dos dous últimos trimestres.

O estado estrutural do Hospital Psiquiátrico segue a ter moito que desexar, seguimos sen coñecer cal é o Plan de adaptación e mellora estrutural, vendo como cada día chove máis dentro das unidades que fóra, as paredes seguen desconchadas, os comedores presentan buracos nos teitos e paredes, con desprendementos de cascallos en diferentes zonas do hospital, sen haber un protocolo de orde e limpeza para as zonas interiores con xardín que presentan obxectos que ocasionan riscos ... e a pesar do anuncio de obras como na Unidade de Saúde Mental seguimos sen coñecer dita planificación.

Volver