CIG-Saúde concéntranse diante do Parlamento en demanda da recuperación dos acordos retributivos

A mobilización coincidiu coa votación da Iniciativa Popular impulsada polo sindicato

  • Sanidade Pública

Delegados e delegadas da CIG-Saúde concentrábanse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa votación da Iniciativa Popular impulsada polo sindicato, e que defendeu o BNG, pola recuperación dos acordos retributivos, suspendidos polo SERGAS so pretexto da crise económica. A iniciativa foi debatida na tarde do martes e rexeitada polo Partido Popular cuxo voceiro, José Alberto Pazos Couñago, tivo, unha intervención “intolerable”, demostrando “unha absoluta falta de respecto ás traballadoras e traballadores”, tal e como o secretario nacional de CIG-Saúde Manuel G. Moreira.

A CIG-Saúde leva anos demandando na mesa sectorial un calendario de recuperación dos acordos e recibindo, ano tras ano, a negativa do SERGAS como resposta. Con esta Iniciativa Popular o sindicato nacionalista tiña como obxectivo levar ao Parlamento de Galiza esta mesma demanda avalada ademais pola sinatura dos traballadores e traballadoras do SERGAS.

Neste sentido, Moreira lembrou que se trataba dun acordo lineal para todo o persoal e un incremento na atención continuada: noites, festivos e gardas. “Un acordo plurianual que Feijóo suspendeu ao chegar ao goberno no ano 2009 coa desculpa da crise e que, desde aquela, negouse a devolvernos malia repetir que a crise estaba superada”, explicou.

Nese sentido subliñou que se trataba dun acordo publicado no DOG e, polo tanto, “dunha norma, polo que calquera goberno responsábel debería cumprilo”. A isto engadiu que a súa suspensión supuxo unha perda de 21.600 € que “é o que Feijóo lle leva roubado ao persoal do SERGAS desde o ano 2010. Diñeiro que forma parte do salario das traballadoras e traballadores”, concluíu.

Intervención “intolerable”

Respecto da intervención do deputado Jose Alberto Pazos Couñago, Vicevocerio do Grupo Parlamentario Popular e encargado de defender a posición en contra da Iniciariva Popular, o secretario nacional da CIG-Saúde considerou que “demostrou unha absoluta falta de respecto ás traballadoras e traballadores que asinaron para que esta iniciativa chegara ao Parlamento”, ademais dunha “absoluta falta de comprensión lectora -ou evidente mala fe- ao atribuír como opinións da CIG-Saúde parágrafos de diferentes organismos citados na iniciativa presentada”.

Moreira cuestionou a interpretación do deputado do PP, por afirmar que as traballadoras e traballadores da sanidade pública galega “xa cobramos moito -segundo el referiu, algunhas categorías cobramos o dobre do que figura realmente na Orde de confección de Nóminas- e non merecemos cobrar máis”.

Para o secretario nacional da CIG-Saúde, a “guinda” da súa intervención foi “que nos botara en cara que non quixeramos reunirnos co PP no Congreso das deputadas e deputados para defender a campaña, que estamos a facer conxuntamente con ELA, LAB e Intersindical, para conseguir a xubilación anticipada aos 60 anos para a sanidade e sectores sociosanitarios, cando el tiña que saber que esta campaña xa fora presentada inicialmente no Parlamento galego e o PP xa se manifestara en contra”.

Ademais subliñou o feito de que a intervención do deputado fora dirixida ás persoas de CIG-Saúde que estaban na tribuna de invitadas, “sabendo que grazas ás estupendas normas de participación cidadá que o PP ten aprobadas, non poderíamos responder”. Por iso interpretou a súa intervención como un “acto de cobardía” e un “intento de provocación” mais asegurou que foi “toda unha honra para as persoas da CIG-Saúde presentes no Parlamento ter sido obxecto da atención do deputado do PP, atención que trasladaremos as traballadoras e traballadores para o seu coñecemento e consideración”.

Volver