CIG-Saúde convoca concentración no PAC de Ordes para esixir a dotación de equipos completos
Chaman a veciñanza a participar na proteste deste xoves, 27 de xaneiro, ás 17 horas
- Santiago
A CIG-Saúde de Compostela ten convocada unha concentración para mañá, xoves 27 de xaneiro, ás 17 horas, diante do PAC de Ordes (Rúa Ramón Ferreiro, s/n) para esixir a dotación de equipos completa, xa que actualmente os 2 equipos de traballo contan con 2 médicas/os pero só cun/ha enfermeiro/a. A central sindical anima á poboación de Ordes a participar nesta mobilización en defensa dunha sanidade digna e que garanta a asistencia nas mellores condicións posíbeis.
O feito de que os equipos sexan asimétricos provoca que cando un dos grupos ten que saír a unha urxencia fóra do PAC, no centro queda só un ou unha médica sen apoio de ninguén de enfermería. Esta falta de persoal provoca incidencias -que xa foron comunicadas polos traballadores e traballadoras- como ter que atender urxencias que chegan ao centro cun só médico ou médica, ou mesmo ter que saír ese segundo equipo a facer outra emerxencia fóra do PAC cun único/a profesional médico.
A CIG-Saúde subliña que os datos de asistencia deste PAC demostran claramente a necesidade de cobertura deste persoal de enfermería. Así, explican que este é o segundo PAC da área en número total de asistencias, con máis de 22.000 ao ano, e incluso en atención fóra do PAC hai case unha asistencia media por quenda de tarde ou noite, co conseguinte descuberto.
A central sindical chama tamén a atención sobre o volume de concellos ao que dá servizo este centro: Ordes, Trazo, Tordoia, Frades e Mesía que, ademais da extensión considerábel, teñen unha dispersión xeográfica moi importante, o que dificulta enormemente as saídas e as posibles derivacións ao hospital, xa que hai determinados puntos afastados, non só ao centro de Ordes, senón ao propio hospital de Santiago.
Todo isto, denuncia a CIG-Saúde de Compostela, combínase co incumprimento do punto 5 do acordo de desconvocatoria de folga de PAC de xullo de 2019, no que se establece textualmente que "o SERGAS comprométese a facer un estudo no ano en curso (2019) para solventar o déficit de persoal de enfermería priorizando inicialmente naqueles PAC onde exista un único efectivo de enfermería habendo dous ou máis médicos, coa finalidade de crear no ano 2020 as prazas necesarias, en función das dispoñibilidades orzamentarias".
Porén, máis de dous anos despois, o SERGAS continúa sen resolver estas deficiencias e sen dotar os centros de saúde e os PAC do persoal necesario para garantir unha atención de calidade.