CIG-Saúde convoca concentracións o 27 de xuño ás 12h nas portas de tódolos centros de saúde

Esiximos a retirada inmediata do XIDE

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

 

É unha ferramenta de xestión imposta, que non tivo en conta a opinión da maioría das e dos PSXs que a teñen que aplicar, nin no seu deseño nin na súa funcionalidade.

A grande maioría do persoal das áreas administrativas de Atención Primaria rexeita o XIDE como ferramenta para xestionar as citas para acceder ás consultas das e dos distintos profesionais da Atención Primaria e tamén para a xestións das demandas urxentes e sen cita que se producen cada día nos Centros de Saúde.

Esta ferramenta supón unha importante sobrecarga de traballo:
• Enlentece o traballo no momento de dar a cita, xerando colas enormes diante dos mostradores.
• Obriga a ter que preguntar e concretar o motivo de consulta referido polas persoas que chaman ou acoden aos centros.
• Limita a autonomía do/a PSX na xestión das citas, impedindo que poida facer valer o criterio de urxencia do/a propio/a PSX coma da persoa usuaria.

Os/as PSXs manifestan tamén a súa preocupación pola inseguridade xurídica na que se atopan, especialmente nas demandas de consulta urxente e sen cita para o mesmo día.

Desde CIG-Saúde xa denunciamos, no Consello técnico de Atención Primaria, celebrado o 16 de febreiro de 2022 no que foi presentado o XIDE, que as áreas administrativas dos centros de saúde están infradotadas de persoal, que faltan PSXs, e que ademais, non garanten a privacidade das persoas usuarias, incluídas as dos centros de saúde de nova creación.

Tamén vimos denunciando que nos últimos anos son múltiples as funcións e programas informáticos que asumiron as e os PSXs, e que o tiveron que facer sen recibir a formación necesaria, sen ter unha persoa de referencia para consultar as dúbidas, e, sobre todo, sen incorporación de máis persoal estable nos Centros de Saúde.

CIG-Saúde entende que o XIDE non cumpre coas condicións mm1mas para seguir aplicándose, non cumpre coa función para a que foi deseñado e debe ser retirado de xeito inmediato.

A Administración sanitaria debe abrir un proceso de escoita ás e os profesionais da Atención Primaria para organizar e por en marcha un sistema de xestión da demanda nos centros de Saúde que contemple a visión do persoal das áreas administrativas e que permita acordar un procedemento de xestión das citas e das demandas de consulta urxentes, tanto presenciais como telefónicas.

Basta xa de incrementar as funcións, tarefas e aplicativos informáticos sen incrementar os cadros de persoal dos/as PSX

Volver