CIG-SAÚDE Coruña denuncia o colapso do CHUAC, especialmente no que se refire a camas de críticos

  • A Coruña

Ante as declaracións por parte da Consellaría, onde se nega ou obvia a situación critica que padece o CHUAC, CIG-SAÚDE alerta que a situación nas unidades de críticos é desbordante.

As camas convencionais de UCI de adultos, previo pandemia, no CHUAC suman 38. A ocupación está moi superada, só tendo en conta os/as pacientes COVID-19.

En marzo do ano pasado habilitáronse 36 camas para pacientes críticos de COVID-19, as que actualmente están ocupadas, tendo que pasar a ocupar as unidades de reanimación e incluso quirófanos e antesalas dos quirófanos. Isto incide directamente na anulación de practicamente toda a actividade cirúrxica, quedando relegada a actividade cirúrxica urxente.

A ocupación real do CHUAC de unidades de críticos supera o 150%, é indignante ver nos medios de comunicación que se fale, por parte da Xunta, dunha ocupación sobre o 50%, xa que nos sitúa nun plano do que estamos moi afastados.

Cabe lembrar que nas unidades de críticos non só hai pacientes COVID-19, xa que hai moitas mais patoloxías que precisan destes coidados especiais. Se aos case 90 pacientes críticos COVID-19 actuais sumamos o resto dos/as pacientes ingresados en unidades de críticos, pode dar conta da situación de colapso total que estamos a vivir no CHUAC.

Os/as profesionais da área están cansos/as e exhaustos/as. Desta vez as medidas chegaron moi tarde, levando ao sistema a unha situación de colapso máxima, tendo que dobrar quendas de traballo para poder atender os/as pacientes.

A formación dunha área de críticos esixe de tempo, e habilitar camas de críticos non é só colocar respiradores, esixe tamén de persoal formado, bén escaso na actualidade, e polo tanto, estáselle a esixir un sobre esforzo dificilmente soportable e mais cando a consellaría afirma que aínda hai capacidade de medrar…..A onde pretenden medrar? Canto mais poden dar de si os/as compañeiros/as?

Non se fixo ningún esforzo por parte da Xerencia, e mais aínda da Dirección de Enfermaría, de prever durante o tempo en que baixou a incidencia de ingresos deste tipo de pacientes nas unidades de críticos, de formación nin sequera se fixeron listados depurados dos/as profesionais que dispoñen desta experiencia, actuando en todo caso de forma sobrevida, sen organización, mobilizando ao persoal sen criterio.

Levamos un ano de pandemia, pouco ou nada tivemos aprendido, para vernos agora nunha situación peor que en marzo do pasado ano.

O SERGAS fala cara á cidadanía, hospital único, traslado de pacientes entre hospitais, mais a realidade detrás dun paciente, hai unha vida, e detrás dun paciente crítico, fraxilidade, onde os traslados non son un transporte de mercancía, senón algo complexo que novamente require de persoal formado para tal.

CIG-SAÚDE Coruña esixe a Consellaría que deixe de manipular os datos e que recoñeza que o CHUAC está en estado crítico, colapsado e agradeza os/as profesionais o sobre esforzo que está facendo, e sobre todo que pida desculpas por non ter tomado medidas antes e mais estritas que paliaran esta ola, mellor dito tsunami.

Volver