CIG- Saúde critica con total indignación a decisión da Xerencia da Área sanitaria de Vigo de pechar unha planta de pediatría do hospital Álvaro Cunqueiro

  • Atención hospitalaria (CHUVI)

Esta decisión foi anunciada a última hora do martes 14 de xullo para facerse efectiva o mércores 15, un día antes da súa posta en marcha, sen comunicación previa á representación sindical.

Tras as protestas realizadas polo persoal, o día 15 de xullo a xerencia remite información da reorganización á representación sindical, o mesmo día de entrada en vigor do peche da planta.

Esta medida supón unha falta de respecto ao persoal do servizo xa que non se lle informou coa suficiente antelación, provocando un gran malestar pola incerteza creada, tanto no aspecto organizativo do servizo como na súa vida persoal.

A xerencia ao parecer argumenta a baixa ocupación dende fai semanas, se fose así isto xa o sabían e calaron con unha clara intencionalidade, non provocar criticas en período electoral.

Esta xerencia actuou con premeditación e aleivosía calculada, atendendo a intereses mais ben políticos, xa que esperaron a que pasasen as eleccións galegas para anunciar o peche da unidade e asi evitarse a crítica, ademais esta xerencia anunciara e alardeara publicamente fai semanas que este ano non se ían pechar plantas como en anos anteriores.

Estas declaracións demostraron ser pura imaxe, comprobándose na práctica que obedeceron mais a intereses políticos que sanitarios.

Dende CIG-Saúde cremos que isto é un claro síntoma do que nos agarda durante estes catro anos de goberno de Feijoo, mais recortes e privatizacións.

 

Vigo a 15 de xullo de 2020

Volver