CIG-Saúde demanda a inclusión da comunidade de Madrid no rexistro galego de prevención da COVID-19
Segundo os últimos datos oficiais está entre as primeiras en número de contaxios
- Coronavirus
- Sanidade Pública
Nun prazo máximo de 24 horas desde a súa chegada a Galiza, as persoas procedentes de Aragón, Catalunya, Navarra, Euskadi e A Rioxa ademais de numerosos países europeos, americanos e todos os africanos, teñen a obriga de rexistrarse, independentemente de que presenten ou non síntomas compatibles coa COVID-19. Porén, as persoas procedentes da comunidade de Madrid, que segundo os últimos datos oficiais está entre as primeiras en número de contaxios, seguen sen ter que comunicar a súa chegada.
Diante disto, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que “é unha grave irresponsabilidade que a Xunta non inclúa a Madrid neste protocolo porque está agravando un problema de saúde pública, xa que se existe transmisión comunitaria da COVID-19, ao non haber rexistros, non se vai poder saber nin a orixe do foco, nin rastrear os contactos que puideran ter esas persoas”.
Xunto a isto, Abuín advirte das consecuencias que isto pode ter para a sanidade pública e para o seu persoal, polo incremento de casos que xa hai en Galiza e a presión asistencial que pode seguir medrando de non se adoptar as medidas necesarias. “As políticas deben ter en conta criterios técnicos e sanitarios e non afinidades políticas”, conclúe.