CIG-Saúde demanda que se manteñan os reforzos de persoal mentres os contaxios non baixen do 1%
Considera que debe continuar até que a taxa de incidencia non supere os 2 casos por cen mil habitantes
- Coronavirus
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde, ademais das medidas sociais que poida adoptar o goberno, exixe ao SERGAS que manteña os reforzos de cadro de persoal mentres non se cumpran os parámetros recollidos no documento de recomendacións sanitarias para a estratexia de transición, do Centro de Coordinación de Alertas. Recomendacións que establecen que a taxa de contaxios estea por baixo do 1%; que os hospitais dispoñan do 50% de camas libres na UCI; que a taxa de hospitalización non supere o 30% e que a taxa de incidencia non supere 2 casos novos por cada cen mil habitantes.
Sinala que ademais, nese documento se contemplan unha serie de medidas para implantar na sanidade pública con carácter permanente e estrutural. Medidas que van supoñer un cambio na organización do traballo e nas condicións laborais das/os traballadoras/es.
Mesa sectorial
A CIG-Saúde entende que polo carácter destas medidas, todas elas son materia de negociación do ámbito da mesa sectorial. Por iso agarda recibir, na maior brevidade posíbel, a convocatoria da reunión da mesma para abordar a negociación necesaria e que, a partir desta, poida xurdir no novo modelo sanitario fronte á COVID-19.
Neste sentido, a central sindical entende que para a implantación de todas estas medidas vai ser necesario un incremento no número de profesionais de xeito estábel. Por iso a secretaria nacional, María Xosé Abuín afirma que “urxe máis que nunca negociar o Plano de Ordenación de Recursos Humanos para identificar as necesidades asistenciais e dotar das/os profesionais necesarios con vínculo de estabilidade”.
Apunta ademais que, entre outras, estaríase a falar de:
Medidas no ámbito hospitalario
- Os expertos recomendan incrementar a capacidade asistencial, para evitar poñer ao sistema sanitario, as/os profesionais e a poboación en risco.
- A capacidade asistencial pasa por incrementar as camas de hospitalización e as camas de UCI con persoal propio, e non trasladando persoal dutras unidades do ámbito asistencial.
- Protocolos específicos de saúde laboral en función do risco.
- Así como da información, formación e dotación do material necesario.
Medidas no ámbito de Atención Primaria
- Reforzar a capacidade diagnóstica.
- Organización dos circuítos separados para a atención presencial das persoas con síntomas respiratorios.
- Modificar axendas de traballo potenciando consultas telefónicas como elemento regulador da demanda presencial.
- Reforzar a atención domiciliaria.
- Reforzar o número de traballadoras/es para permitir axendas con 10 min de separación entre pacientes.
- Dotación de material de protección e EPIs, adecuados e adaptados ao risco.
- Protocolos específicos de saúde laboral, previa avaliación dos riscos.
Alerta ante un posible repunte de contaxios en outono
Abuín sinala tamén que as alertas sanitarias apuntan a un posíbel repunte da pandemia nos meses de outono e advirte que “non pode coller desprevido ao sistema sanitario”. De aí a urxencia de negociar, canto antes todas as materias no relativo a persoal, seguridade laboral, dotación de recursos humanos, formación e dotación de material de protección e EPIs.
A CIG-Saúde sinala que “esta pandemia, por descoñecida, colleu desprevido ao sistema sanitario”. Por iso considera que ante o seu posible repunte “o sistema sanitario ten que estar fortalecido e, o máis importante, o seu persoal protexido”.
Entende ademais que para o desenvolvemento desta materia e de outras, “o SERGAS contará coa opinión da Comisión Clínica que esta constituída para o asesoramento da COVID-19”. Por iso solicita coñecer a súa composición, co nome, categoría e ámbito de traballo das persoas que a constitúen.