CIG-Saúde denuncia a derivación dos abortos á sanidade privada para seguir descapitalizando a sanidade pública
Lembra que a interrupción voluntaria do embarazo é un dereito que se fai efectivo a través dunha prestación da sanidade pública
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde vén de manifestar o seu rexeitamento á decisión do SERGAS de derivar a clínicas privadas parte das interrupcións voluntarias do embarazo. Lembra que o aborto é un dereito que se fai efectivo a través dunha prestación da sanidade pública e denuncia que, deste xeito, a consellaría de Sanidade destina cartos públicos, unha vez máis, a financiar á sanidade privada.
CIG-Saúde defende que os cartos que a Consellería de Sanidade vai dedicar a privatizar as interrupcións voluntarias do embarazo sexan investidos en dotar de recursos humanos e estruturais na sanidade pública para facer, en prazo e con calidade, estas intervencións.
Neste sentido, afirma que “non cabe a desculpa de que son intervencións pouco complexas e que así dedicamos os recursos a intervencións máis complexas” xa que, con este argumento, “deixariamos para que fixeran na sanidade privada un gran número de intervencións pouco complexas de cirurxía ambulatoria que se fan na sanidade pública”.
Reitera, por iso, que a sanidade pública debe garantir a dispoñibilidade de recursos para poder realizar todas as intervencións e denuncia que detraer o financiamento para contratar as intervencións na sanidade privada o que fai é “descapitalizar a Sanidade Pública e xustificar máis derivacións á sanidade privada”.
Obxección de conciencia
Sobre as dificultades para ter profesionais que realicen estas intervencións, pola aplicación da obxección de conciencia, CIG-Saúde exixe que a Consellería de Sanidade garanta a contratación de profesionais que realicen estas intervencións na sanidade pública. “Non pode ser que os profesionais con obxección de conciencia se concentren na Sanidade Pública e só se poidan facer estas intervencións na sanidade privada”, conclúe.