CIG-Saúde denuncia a falta de transparencia da Xerencia da área sanitaria de Ferrol
O SERGAS impide que CIG-Saúde coñeza a situación dos cadros de persoal e das condicións laborais do servizo de limpeza, e volve a pechar a camas no Hospital Naval
- Ferrol
CIG Saúde quere expresar o seu malestar con algúns aspectos que afectan ao funcionamento desta Área Sanitaria.
Vemos que está a existir pouca transparencia en aspectos relevantes e claves:
- No relativo ao servizo de limpeza.
Cada vez vemos que hai menos persoal de limpeza e, cando como Organización Sindical, preguntamos cal é o número de presenzas deste persoal de limpeza nesta Área Sanitaria, sempre atopamos a mesma resposta: “é unha información confidencial”.
Non chegamos a entender esta situación, máxime se temos en conta que de solicitar o mesmo para outras categorías desta Área Sanitaria, si temos esa información. Información que por outra banda publica facenda todos os anos, sen embargo, non podemos saber cal é a plantilla de limpeza pola que estamos a pagarlle a unha empresa privada.
A esta situación, hai que incorporarlle que antes dos anos no que a COVID-19 golpeou a Área Sanitaria de Ferrol o persoal xa era escaso, que durante o período de pandemia COVID-19 aumentaron algunhas presenzas, pero insuficientes, e que agora, que nos queren vender que a COVID-19 xa desapareceu, e os lugares de traballo voltan a súa actividade a niveis pre-pandemia, o persoal descendeu por debaixo de niveis pre-COVID-19.
De feito, esta situación evidénciase en moitas plantas de hospitalización, onde se amorea o lixo que por falta de persoal non poden retirar. Acumúlanse os residuos moito máis tempo do que se debería xa que non hai persoal suficiente de limpeza para poder facelo de forma satisfactoria.
De feito, algúns e algunhas traballadoras chegaron a recibir apercibimentos por escrito por parte da empresa amonestándoos por seren incapaces de cumprir coas excesivas funcións que lles atribúen, tentando así que prolonguen a súa xornada “gratis” para poder rematar o traballo.
Ao mesmo tempo a empresa que contrata ao persoal da limpeza castiga ás traballadoras cambiándoas de posto no caso de requiriren unha incapacidade temporal. Se por exemplo unha delas, debido aos sobreesforzos que se ven obrigadas a facer, requiren dous ou tres días de repouso por doenzas, vense obrigadas a solicitarlle á empresa que lles deixe desfrutar días das súas vacacións ou outras licenzas, pois de non facelo así, á súa volta terán que deixar o seu posto habitual e ir a outros máis penosos.
Pero claro, a empresa pode facer todo isto e moito máis xa que o propio SERGAS os protexe permitindo que a empresa poida declarar confidencial moitas condicións laborais deste persoal, converténdose así en cómplices.
- No relativo ao peche de camas
Outra situación de falta de transparencia desta Área Sanitaria e que nos xera incredulidade, é que o mesmo día que nos informan os medios de comunicación de que a Área Sanitaria de Ferrol non vai pechar plantas de hospitalización este verán, están convocándonos a unha reunión para facer constar como en anos anteriores, que se vai pechar a 3ª Planta do Naval e se vai reubicar ao seu persoal durante o verán.
Novamente aparece a sombra dos recortes e da falta de planificación. Os peches de plantas de hospitalización non satisfacen á poboación, pero en cambio si son ben recibidos pola administración.
Desta forma e sen contratar novo persoal, pódense cubrir postos en período de vacacións, xa que na actualidade existe unha ausencia importante de persoal para cubrir dito período. Pero a solución que busca a Administración a esta escasez de profesionais é a de pechar servizos en vez de tentar formar máis profesionais.