CIG-Saúde denuncia a grave falta de especialistas no Hospital Comarcal de Monforte

  • Monforte

A CIG-Saúde quere denunciar a preocupante situación na que se atopan diferentes servizos médicos do Hospital Comarcal de Monforte debido á falta de persoal especialista, unha situación que está a deteriorar a atención sanitaria na comarca e que ameaza con agravarse nos próximos meses.

A situación máis crítica dáse actualmente no servizo de Pediatría. Na actualidade só hai dúas profesionais cando a dotación debería ser de catro facultativas. Esta carencia provoca que, na maior parte do tempo, só haxa unha pediatra no hospital, asumindo unha carga asistencial excesiva. As profesionais están realizando ata sete gardas ao mes e, en numerosas ocasións, vense obrigadas a renunciar ás libranzas posteriores por non existir persoal que poida substituílas. Ademais, as consultas teñen que ser pechadas con frecuencia ao non poder ser atendidas.

A situación pode empeorar de forma considerable nas próximas semanas. Este mesmo mes finalizan a súa formación catro pediatras que poderían incorporarse ao hospital, mais as condicións ofrecidas pola dirección resultan pouco atractivas para calquera profesional. Segundo a información da que dispoñemos, propoñíaselles desenvolver cinco días de traballo en Monforte en xornada intensiva e completar o resto da actividade na área de Vigo, cunha organización que suporía realizar ata 58 horas continuadas de traballo, aínda que parte das gardas non fosen presenciais.

Estas condicións dificultan enormemente a captación de profesionais e poñen en risco a continuidade da asistencia pediátrica na zona sur da provincia de Lugo. As dúas facultativas que sosteñen actualmente o servizo atópanse nunha situación de gran desgaste profesional, o que podería derivar na súa marcha. De producirse este escenario, as consecuencias para os nenos e nenas da comarca serían moi graves, especialmente ante a chegada do período estival e das vacacións.

A problemática non se limita á Pediatría. Outros servizos presentan tamén déficits importantes de persoal:

  • Oftalmoloxía conta con dúas facultativas cando a dotación necesaria sería de catro.

  • Neuroloxía carece actualmente de especialistas propios. O servizo cúbrese con profesionais desprazados desde Lugo durante catro días á semana, chegando nalgúns momentos a reducirse a dous días semanais.

  • Cardioloxía dispón de dúas profesionais, mais a pesar diso continúan sen recuperarse os ingresos hospitalarios desta especialidade en Monforte.

  • No servizo de Dixestivo só hai un profesional, faltando outro especialista para completar o cadro de persoal. Ademais, existen preocupacións ante os rumores que apuntan á posible amortización dunha praza.

  • Psiquiatría conta actualmente coa plantilla completa.

  • Radiodiagnóstico (RX) tamén dispón da totalidade do persoal previsto.

Desde a CIG-Saúde queremos alertar sobre a deterioración progresiva da atención sanitaria no Hospital Comarcal de Monforte e reclamamos á xerencia e ao Servizo Galego de Saúde medidas urxentes para cubrir as prazas vacantes, mellorar as condicións laborais e garantir unha asistencia sanitaria pública, de calidade e en condicións de igualdade para toda a veciñanza da comarca.

A falta de planificación e de políticas eficaces de captación e fidelización de profesionais está a comprometer tanto a saúde da poboación como as condicións de traballo do persoal sanitario. É imprescindible actuar de maneira inmediata antes de que a situación sexa irreversible.

Volver