CIG-Saúde denuncia a modificación da Lei de Saúde sen pasar polos trámites de exposición e contraste público

Posibilita restricións de dereitos e sancións sen contemplar nin unha soa medida preventiva

  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde denuncia a pretensión do goberno Feixóo de modificar a Lei de Saúde sen pasar polos trámites pertinentes, ao presentala como unha Proposición de Lei do grupo parlamentario do PP por trámite de urxencia en lugar de presentala desde o goberno, co pretexto da covid-19.

A proposición de Lei vai asinada polas deputadas e deputados do PP no Parlamento de Galiza e  encabezada por Feixóo, na súa calidade de deputado e non como Presidente da Xunta. Segundo denuncia a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, deste xeito o goberno do PP elude os trámites que tería que pasar esta modificación de ser proposta polo goberno: exposición pública, informe do Consello Económico e Social, publicación no portal de Transparencia e envío a todos os organismos profesionais.

Abuín considera que o camiño seguido para introducir esta “importante” modificación, que se debaterá e votará a vindeira semana no Parlamento de Galiza e sairá aprobada pola maioría popular “é moi grave”. Máis cando recolle, nun artigo único e disposicións transitorias, toda unha serie de medidas para a intervención pública, posibilitando impor “case nun estado de alarma permanente en Galiza”.

Con esta medidas habilítase ao goberno da Xunta para impor todas as restricións e limitacións que considere oportunas e que van acompañadas de importantes sancións económicas en caso de incumprimento. Porén “non prevé nin unha soa medida preventiva, de dotación de recursos ou de reforzo de profesionais na sanidade pública”, denuncia.

Por iso denuncia a ocultación do contido desta reforma da Lei de Saúde, que debería de ser de coñecemento público “para que a poboación saiba que o único que fai este goberno é impor restricións e sancións sen contemplar outras medidas”. Mais tamén entende que debería de ser de coñecemento das e dos profesionais “aos que van converter en autoridade sanitaria sen a súa participación”.

Volver