CIG-Saúde denuncia a situación insostible nos centros de saúde da zona sur de Lugo
- Monforte
No centro de saúde de Monforte, estes días pasados só había tres médicos para atender a unha poboación de máis de 18.000 habitantes, cubriron un par de días con dúas persoas, pero onte había só dous.
É imposíbel que dous médicos poidan atender a tanta xente, polo que dende a xerencia de Lugo tomaron a decisión de pechar as axendas. Iso si, sen avisar aos doentes, o cal nos parece gravísimo xa que así seguían acudindo á consulta, cando os dous médicos que estaban só deberían atender ás urxencias.
Por outra banda ao estar as axendas pechadas, non che permite pedir cita ata xaneiro co cal a xente acude en masa a urxencias do hospital, colapsando así o servizo.
Aos psx non se lles pode pedir máis, eles sen recibir a orde da xerencia de Lugo non poden descitar e ademáis bastante teñen con reprogramar citas.
Dende o SERGAS o mínimo que deberían facer é contratar máis persoal, para comunicar o cambio de citación aos doentes, xa que habería que chamar a unhas 2.000 persoas.
Queremos lembrar que no centro de saúde de Monforte hai 12 médicos e ainda hai dúas vacantes sen cubrir, polo que lle pedimos ao SERGAS que as cubra dunha vez.
Tamén denunciamos que esta semana dos tres pediatras que hai no centro non había ningún durante esta semana. Sabemos que todo o mundo ten dereito as vacacións e a permisos pero o que hai que facer é cubrir a eses facultativos cando conceden estes permisos. Non é normal deixar o centro desatendido. E cubrir dúas horas pola tarde, non arranxa o problema.
Isto volve derivar en mandar os nenos a urxencias do hospital e colapsar ainda máis o servizo.
O centro de saúde de Bóveda estivo unha semana sen médico. O problema xa non isto. O problema preséntase porque o titular atópase de baixa dende hai dous anos e non o cubren. Non pode ser que a solución sexa que compartan o médico e a enfermeira o centro de saúde de Bóveda e Rubián media mañá.
No centro de saúde de Chantada estiveron nunha situación parecida ata hai uns días, parece ser que este día se van incorporar dous médicos que estiveron de baixa e aliviará algo a situación.
No centro de saúde de Pantón segue faltando un médico, que a pesares das promesas do alcalde e do sr. Ares, xa non vai vir.
Por outra banda queremos denunciar a situación na que se atopa o Hospital de Monforte. Hai uns meses o SERGAS anunciou por todo o alto que en maio estarían aquí 21 médicos, e o certo é que vai rematar o ano e aquí non se incorporou ningúen.
Seguimos sen dixestivos, cunha soa psiquiatra, con dúas pediatras de catro que había, sen neurólogos e sen médicos rehabilitadores.
As urxencias están totalmente colapsadas polo problema no que se atopan os centros de saúde, polo que pedimos que se reforcen estes servizos contratando persoal de todas as categorías, xa que están totalmente desbordados.
Tamén queremos denunciar a maquillaxe que está a facer o SERGAS, das listas de espera, xa que se está chamando a pacientes doutras áreas para que se veñan a operar aquí, e os de aquí chámanos para operar noutra área, cun obxetivo claro de sacálos da lista de espera para que lles dean as contas a final de ano.
Estes pacientes ao rechazar operarse noutra área, desaparecen da lista de espera e non volven a entrar ata o ano que vén.