CIG-Saúde denuncia a utilización política que fai o goberno da Xunta, da contratación do persoal do SERGAS
O SERGAS está a incumprir o pacto de contratacións e os acordos das comisións periféricas
- Coronavirus
- Sanidade Pública
- Selección Temporal
Isto está creando un grande malestar entre as persoas aspirantes das listas de selección temporal porque hai unha serie de contratos COVID-19 que non se van rexer polas normas e acordos do pacto en canto a súa renovación e duración máxima.
- Dende CIG-Saúde non compartimos que estes ácumulos de tarefas se prolonguen máis aló dos 180 días que establece a orde de vínculos vixente.
- Para CIG-Saúde as acúmulos COVID-19 teñen que entrar na contaxe dos 180 días, da mesma maneira que se contabilizan os contratos de reforzo.
O SERGAS, amparándose en que os contratos COVID-19 se cargarán nun orzamento extraordinario do Estado, está a utilizar estes reforzos pola COVID-19 para a cobertura de necesidades estruturais, ausencias do persoal por permisos, vacacións, baixas médicas… alterando completamente o sistema de contratacións baseado nas listas onde se seguen os principios de igualdade, mérito e capacidade.
Outro modelo de contratación durante a pandemia é posible!
CIG-Saúde propón que se oferten, respectando o pacto, os contratos de todas as ausencias por vacacións, permisos e baixas médicas
CIG-Saúde esixe que os contratos que sexan necesarios para facer fronte á COVID-19, se fagan cumprindo o marco legal negociado na Mesa Sectorial, respectando os criterios do Pacto de contratacións e sen prexudicar ás persoas anotadas nas súas listas.
En todo caso, os contratos para cubrir as ausencias por vacacións, permisos, baixas médicas, etc, e os que sexan necesarios para facer fronte á COVID-19 terán que garantir uns ratios de persoal mínimos que permitan ofertar unha asistencia sanitaria de calidade con seguridade para pacientes e profesionais.
CIG-Saúde solicita que na Mesa Sectorial se negocie un plan de recursos humanos que analice as necesidades de persoal nas distintas unidades e centros.
- Eliminar a taxa de reposición
- Consolidación das prazas estruturais cubertas con acúmulos de tarefas durante anos.
- Coñecer as previsións de xubilación nos próximos anos nas distintas categorías, e que medidas se adoptarán para a súa cobertura.
CIG-Saúde solicita que se negocie con carácter urxente na Mesa Sectorial un plan de continxencia de cara ao último trimestre do ano en previsión dun posible repunte da pandemia:
- Para determinar os ratios de persoal das distintas categorías, tanto sanitarias coma non sanitarias, que serán necesarios para facer fronte á pandemia.
Por unha contratación digna e de calidade!