CIG-Saúde denuncia o bloqueo da Consellería de Sanidade na negociación das condicións de traballo das traballadoras da sanidade pública

Convoca unha concentración diante da Consellería de Sanidade, en San Lázaro, o mércores 6 de novembro, ás 11:00 horas, para denunciar esta situación

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde denuncia que os orzamentos presentados para o 2025 son unha mostra deste bloqueo, non dan resposta ás necesidades reais do sistema sanitario público, consolidan un modelo con déficits de profesionais, listas de agarda, tanto en Atención Primaria como Hospitalaria, e incrementan o peso da sanidade privada. E, “coa que está caendo, manteñen a Atención Primaria co 14,70% do orzamento total, moi lonxe do 25% demandado”.

A Consellaría de Sanidade leva meses sen retomar as negociacións que xa estaban en activo (seguimento do acordo do 20 de abril de 2023, pacto de contratación, permisos e licencias, plan de ordenación de atención primaria, acordo de urxencias...) nin abre a posibilidade de negociar ningún dos temas que a CIG-Saúde ten proposto.

Diante disto, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G Moreira, denuncia que “o Conselleiro “agradece” a través de correos e de notas de prensa o esforzo das profesionais pero, ao mesmo tempo, impide que as profesionais melloren as súas condicións de traballo”.

Demanda de cronograma

É por iso que a central sindical esixiu na última Mesa Sectorial un cronograma sobre as negociacións pendentes e sobre outras non menos importantes, que xa ten solicitado repetidas veces. Como tamén insistiu na urxencia de negociar no mes de outubro cuestións que teñen que resolverse antes de que remate o ano. Entre outras a resolución das OPE de estabilización e o Concurso de traslados; negociar a oferta de emprego público deste ano, e un tema fundamental como é a xornada de 35 horas.

Asuntos, todos estes, que a CIG-Saúde entende que deberían estar xa negociados para incluílos nos orzamentos do 2025, pero sobre os que retrasan a negociación ata despois da presentación dos orzamentos.

A este respecto, Moreira indica que “temos a miles de profesionais pendentes dun proceso de estabilización dilatándose a súa resolución e outros moitos pendentes do concurso de traslados”.

Xornada de 35 horas

A partires do 1 de xaneiro de 2025 é de aplicación a nova xornada laboral de 35 horas para o persoal da Sanidade Pública. Pero, a CIG-Saúde denuncia que desde a Consellería de Sanidade non foi presentada na Mesa Sectorial unha proposta de instrución de xornada “ nin temos información da dotación das prazas necesarias para facer efectivas as 35 horas garantindo a continuidade asistencial”, indica o secretario nacional.

Diante da inacción da Consellaría, “as distintas Xerencias están tomando distintas decisións, cada unha á súa maneira, sobre a realización dos sábados no ano 2025 ou facendo carteleiras para adaptar a xornada segundo mellor lles parece”, asegura Moreira.

CIG-Saúde entende que este bloqueo na negociación da Consellería de Sanidade, e os orzamentos presentados, afectan ás condicións nas que as profesionais da Sanidade Pública prestan os seus servizos á cidadanía.

Volver