CIG-Saúde denuncia o colapso do Hospital de Monforte, que obriga a suspender quirófanos por falta de camas
A central sindical esixe a apertura inmediata da planta de Medicina Interna tras un verán con ocupacións de ata o 100 %, Urxencias saturadas e sen reforzos de persoal
- Monforte
CIG-Saúde denuncia a suspensión dos quirófanos de Traumatoloxía este luns 9 de setembro como consecuencia do colapso do Hospital de Monforte.
A suspensión produciuse pola falta de camas dispoñibles para o ingreso dos e das pacientes sometidas a intervención cirúrxica. Durante o verán, as plantas mantivéronse cunha ocupación de entre o 90 e o 100 %, agás casos puntuais.
Esta situación obrigou a realizar cambios de pacientes entre plantas, incluso durante a noite, sen respectar adecuadamente o seu descanso. O traballo das supervisións converteuse nun “tetris” constante para poder dar resposta aos ingresos pendentes de Urxencias e aos ingresos programados.
As mañás foron especialmente caóticas, ante a necesidade de buscar habitacións para os e as pacientes que permanecían en observación durante a noite. Mesmo nalgunha ocasión foi necesario trasladar pacientes a Lugo por falta de camas dispoñibles en Monforte.
Durante os meses de verán, a media de pacientes atendidos en Urxencias foi de 57 ao día, chegando nalgunhas xornadas ata os 90, sen reforzo de persoal e mesmo con espazo insuficiente para atender a demanda asistencial.
CIG-Saúde lembra ademais que unha das plantas permaneceu pechada durante todo o verán, como acontece todos os anos, nun período no que a poboación de Monforte se duplica.
Por todo isto, CIG-Saúde esixe á Dirección a apertura inmediata da planta de Medicina Interna para garantir unha atención adecuada e evitar que situacións como a suspensión de quirófanos por falta de camas volvan repetirse.