CIG-Saúde denuncia o deterioro do centro de saúde de Porto do Son
- Santiago
As delegadas de CIG saúde no distrito sanitario do Barbanza queren denunciar a situación de deterioro do centro de saúde de Porto do Son.
Unha vez mais as pingueiras e a auga que entra polas ventás estes días de temporal impiden a realización dunha correcta atención a cidadanía, ao mesmo tempo que as condicións de traballo que sufre o persoal durante a súa xornada laboral incumpren moitas normas de saúde laboral.
Durante todo este inverno as malas condicións de temperatura dentro do centro, obrigaron a varias traballadoras a traer calefactores propios para manter nas consultas unha temperatura que permita as persoas que acoden ao centro espirse para ser exploradas.
Esta situación vese agravada os días de vento nos que entra moito mais frío polas ventás, e choiva nos que a auga invade os espazos, e mesmo estraga parte do material que hai no centro.
O feito de que se anunciase a construción dun novo centro de saúde, que aínda non ten orzado nin o proxecto, non pode ser unha escusa para non realizar as melloras no edificio actual que permitan unhas condicións de traballo dignas e que a cidadanía reciba atención que merece.
Por todo isto solicitamos tanto ao Concello de Porto do Son como a Xerencia da área sanitaria de Santiago, que tomen de forma inmediata medidas que palíen a situación actual xa, ao mesmo tempo que se inician os trámites para unha rehabilitación integral do tellado e as ventás do centro.