CIG SAÚDE denuncia o mal uso dos novos contratos por emerxencia sanitaria

Prodúcense continuos ceses de persoas en acúmulos de tarefas aos que non se renova o seu vínculo e a súa actividade está sendo realizada por persoas con contratos vinculados á pandemia, sen que esta actividade teña nada que ver coa COVID-19.

  • Vigo

CIG-Saúde manifestou diante da Xerencia a súa crispación polo uso que se está a facer dos novos vínculos contractuais relacionados coa emerxencia sanitaria. "Temos casos de persoas contratadas con vínculos relacionados coa pandemia que están sendo utilizadas para cubrir ausencias de diferentes tipos non vinculadas coa pandemia."
Tamén temos noticias de que se están a producir ceses de persoas en acúmulos de tarefas que están vendo que non se renova o seu vínculo e a súa actividade está sendo realizada por persoas con contratos vinculados á pandemia, sen que esta actividade teña nada que ver coa COVID-19.

Mentres isto ocorre, as necesidades xeradas pola atención á pandemia están a ser cubertas con contratos das listas de contratacións.

Como consecuencia de todo isto, persoas que rexeitaron os contratos de emerxencia sanitaria, polas súas especiais características (atención diversas incidencias COVID, alta mobilidade, etc.), nas condicións que permite o marco legal, están sendo chamadas para tarefas relacionadas coa COVID-19, mentres que persoas que asinaron contratos de emerxencia sanitaria están a realizar tarefas non relacionadas coa COVID-19, xa dende o momento que asinaron ese contrato.

Entendemos que nun momento de máxima necesidade asistencial, tódolos esforzos deban dirixirse á atención á emerxencia sanitaria, pero non entendemos que desde o inicio dos novos contratos non se respectara a súa especificidade, incumprindo o texto recollido no DOG, na RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos,pola que se publican diversos acordos adoptados pola Comisión de seguimento do acordo do nomeamento estatutario eventual de continuidade e na ORDE do 27 de novembro de 2020pola que se aproba e publica o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19) pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario.

Volver