CIG-SAÚDE LUGO DENUNCIA O CALAMITOSO ESTADO DA ATENCIÓN PRIMARIA EN LUGO
A falta de organización e de previsión por parte dos/das responsables do Sergas fai que se teña chegado a esta situación
A CIG SAUDE quere denunciar o calamitoso estado no que se atopa a Atención Primaria en Lugo. Unha situación á que se chegou pola falta de organización e de previsión por parte dos/das responsables do Sergas, obrigando ás e ós profesionais a ter que asumir os/as doentes dos seus compañeiros/as, tendo que pechar axendas pola imposibilidade de atender adecuadamente a todos/as usuarios/as, ou mesmo non poder citalos/as nun prazo razoable de tempo.
A isto súmase que estes/as profesionais son os encargados/as de facer os seguimentos dos casos Covid, co aumento vertixinoso que temos na actualidade, o que evidencia o mal funcionamento do sistema de rastrexo.
A falta de substitutos/as tanto entre o persoal de enfermaría como entre os/as médicas de familia fai que teñamos Centros de Saúde , como pode ser o de Castro Ribeiras de Lea, que nestes momentos conta cun 25% da plantilla de facultativos/as, ou o de Vilalba onde non se substituíu a 5 médicos/as. Tampouco podemos esquecer os Centros de Saúde da Capital que tamén están baixo mínimos véndose afectada a sua calidade asistencial.
Queremos lembrar e denunciar á súa vez que os/as responsables do Sergas son os/as únicos/as culpables da falta de persoal substituto, xa que ante a desorganización e precariedade coa que se atopan no Sistema Galego de Saúde, as novas promocións saídas da facultade prefiren traballar en outros sistemas sanitarios onde non teñen situacións tan precarias.
A Xunta, que por unha banda, intenta vender á poboación a súa cara amable dando cheques-bar ó persoal sanitario e outorgando medallas cunha intención meramente propagandística, pola outra, paga ós/ás traballadores/as do Sergas denegándolles o seu dereito ó descanso e negándose a negociar tanto a recuperación dos acordos retributivos como dos salarios conxelados por Feijoo.