CIG-Saúde denuncia que Feixoo fai “autobombo” a custo de sobreexplotar ao persoal do SERGAS
Toda a carga de atención a positivos COVID-19 en domicilio recae sobre o persoal de enfermería do que di dispor para vacinar á poboación
- Atención primaria
- Coronavirus
- Sanidade Pública
CIG-Saúde denuncia que o anuncio do presidente da Xunta en sede parlamentario, segundo o que en Galiza habería 2.000 enfermeiros e enfermeiras dispoñibles para vacinar de inmediato á poboación galega é pura “propaganda” e “autobombo”. A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, lémbralle ademais que “o persoal de enfermería de Atención Primaria ao que se refire é o que, ademais de facer o seu traballo habitual, está asumindo o seguimento diario de todas e todos os doentes covid non hospitalizados e dobrando quendas e prolongando xornadas para facer tamén os cribados que se realizan nos distintos concellos á poboación”.
Abuín denuncia que o cadro de persoal de Atención Primaria “está reducido por mor dos recortes que o propio Feixoo impuxo no SERGAS coa súa política austericida” e advirte que cando se dispoña das vacinas para subministrar ao conxunto da poboación “isto suporá unha enorme carga de traballo adicional para o persoal”.
Por iso considera insultante para o persoal do SERGAS, e nomeadamente para o persoal de enfermería, que o Presidente da Xunta siga facendo campaña política e de exaltación persoal “a conta do sobreesforzo e do abuso das e dos profesionais da sanidade pública”. Persoal que viu como se reducía o seu salario a consecuencia dos sucesivos recortes aplicados polo goberno do PP desde o ano 2010 e “pola súa negativa a que perciban a mesma contía do complemento específico que percibe o resto de persoal da Xunta de Galiza”.
Este complemento específico retribúese en función da especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, incompatibilidades, perigosidade ou penosidade. A negativa a recoñecerllo supón para o persoal do SERGAS percibir 200€ menos ao mes, “unha penalización que Feixoo xa introduciu cando era secretario xeral da consellaría de Sanidade e que segue mantendo”, denuncia Abuín.
Por iso a secretaria nacional da CIG-Saúde demanda que “deixe de asumir como trunfos propios os enormes esforzos que está a facer o persoal da sanidade pública na loita contra a COVID-19 e que lle devolva o que por dereito lle pertence”.
Plan Mellora de Atención Primaria
María Xosé Abuín exixe ademais que dunha vez por todas se negocie no seu conxunto o Plan Mellora de Atención Primaria, paralizado desde que Feixoo chegou a Xunta e reitera a demanda da CIG-Saúde de que se aborde na mesa sectorial o Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS para identificar as carencias na dotación real de persoal e incorporar ao sistema sanitario as e os profesionais suficientes para atender as necesidades asistenciais da poboación, garantir a estabilidade do persoal e rematar coa precariedade”