CIG Saúde denuncia que o Hospital Público de Monforte perde o 50% dos especialistas en Uroloxía e alerta dun novo deterioro da asistencia sanitaria

  • Monforte

CIG Saúde Monforte denuncia a contínua perda de especialistas no Hospital Público de Monforte, unha situación que, segundo o sindicato, segue deteriorando a atención sanitaria na comarca. Nesta ocasión, o problema afecta ao Servizo de Uroloxía, que desde o pasado 1 de xuño quedou reducido a un único especialista para atender as necesidades asistenciais de toda a zona sur da provincia de Lugo.

Esta redución supón a perda do 50% dos efectivos do servizo, unha situación que, segundo CIG Saúde, terá un impacto directo na calidade asistencial, incrementando as listas de espera tanto para consultas como para intervencións cirúrxicas. O sindicato advirte de que numerosas operacións non poden ser asumidas por un só facultativo, o que provoca a saturación do servizo e unha maior sobrecarga para o persoal.

Na actualidade, o único urólogo do Hospital de Monforte realiza entre 15 e 16 gardas localizadas ao mes. As gardas restantes son asumidas por especialistas do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Como consecuencia, os pacientes ingresados cando o especialista de Monforte non está de garda deben ser trasladados ao HULA, do mesmo xeito que aquelas persoas que acoden ao Servizo de Urxencias e precisan ingreso hospitalario segundo os protocolos establecidos.

CIG Saúde alerta de que esta situación implica un importante consumo de recursos públicos, ao ser necesario mobilizar transporte sanitario e persoal asistencial para realizar os traslados, ademais do risco engadido que supón para aqueles casos urxentes que requiren unha intervención cirúrxica inmediata.

O sindicato subliña tamén o impacto que esta medida ten sobre a cidadanía da comarca de Lemos, especialmente nas persoas de maior idade e nas súas familias, que se ven obrigadas a realizar desprazamentos por estrada de máis de 70 quilómetros para recibir atención especializada. Ao seu xuízo, esta situación evidencia un progresivo desmantelamento dos servizos do Hospital de Monforte e a imposición dunha barreira xeográfica para acceder a unha asistencia sanitaria básica.

Segundo a información facilitada polo SERGAS, a partir do 20 de xullo dous especialistas do HULA desprazaranse ao Hospital de Monforte dous días á semana para pasar consulta. Con todo, CIG Saúde considera que esta medida resulta claramente insuficiente, xa que se trata de profesionais que compatibilizarán a súa actividade entre ambos hospitais, sen resolver a falta estrutural de especialistas.

Por todo iso, CIG Saúde denuncia a crecente centralización dos servizos sanitarios nos grandes hospitais, un proceso que considera especialmente prexudicial para os hospitais comarcais, e insta á Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos a contratar os facultativos necesarios para garantir unha atención sanitaria digna e evitar a continua perda de servizos no Hospital Público de Monforte.

Volver