CIG-SAÚDE denuncia que o SERGAS non quere convocar unha reunión de mesa sectorial para abordar as condicións laborais e de saúde laboral do persoal do SERGAS
Desde CIG-SAÚDE seguiremos presionando ao SERGAS para que teña como prioridade a saúde da poboación e das/os traballadoras/es
- Coronavirus
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Na Mesa Sectorial que se celebrou hoxe (8 de maio de 2020), o SERGAS negouse a convocar unha reunión para abordar as condicións laborais e de saúde laboral do persoal do SERGAS, que atende aos doentes COVID-19, tanto no ámbito hospitalario coma na atención primaria; a pesares das reiteradas peticións feitas pola CIG-SAÚDE.
Por iso, desde CIG-SAÚDE imos dirixirnos ao Ministerio de Sanidade para que lle soliciten ao Sr. Feijóo e ao Conselleiro de Sanidade a información que aquí se negan a dar; e que deberían recoller no plano de desescalada presentado perante o Ministerio.
DESDE CIG-SAÚDE EXIXIMOS NEGOCIAR NA MESA SECTORIAL:
Plano específico de saúde laboral por servizos e unidades, en hospital e primaria.
Dotación de material de Protección e EPIs. Exiximos que se publiquen as fichas técnicas do material, para que as/os traballadoras/es coñezan o grao de protección deste material.
Lembramos que, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, o SERGAS é o 2º servizo de saúde con maior número de profesionais contaxiados/as.
Que pensa facer o SERGAS en caso do repunte da pandemia? Acadar o 1º posto en profesionais da sanidade contaxiados/as?
Plano de Ordenación de Recursos Humanos para dotar de xeito estable as unidades de COVID: UCI , Hospitalización e hospital de Campaña. Así como para estabilizar todas as prazas estruturais cubertas con contratos eventuais.
Plano de ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, no que se identifiquen as necesidades e se dote de profesionais, de todas as categorías, para dar unha asistencia integral e integrada.
Plano de formación presencial, para todas as categorías, de manexo da pandemia por COVID.
Protocolos específicos de traballo da área administrativa.
Resto de medidas dirixidas a unha correcta protección da saúde das/os traballadoras/es.