CIG-Saúde DENUNCIA UN RETROCESO NA PROFESIÓN ENFERMEIRA

O SERGAS pretende desmantelar a atención integral coa creación de prazas de “enfermeira/o a domicilio”

  • AgEnfermeira
  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

Un paso atrás na Atención Primaria

Desde CIG-Saúde denunciamos que o SERGAS quere implantar un modelo de enfermaría a domicilio, separado da Atención Primaria, que supón un retroceso histórico para a nosa profesión.

As enfermeiras e enfermeiros de Atención Primaria prestamos unha atención integral á persoa, non só realizamos actividades illadas. Cada actuación —unha cura, unha extracción, un control— forma parte dunha avaliación global, con diagnósticos enfermeiros e unha planificación dos coidados que teñen en conta o contexto, a familia e o entorno da persoa.

A nosa profesión é de coidados, non de tarefas

A enfermaría non é unha profesión técnica nin fragmentada. Disociar as actividades dos coidados é deshumanizar a atención e degradar o noso papel profesional.

O modelo que propón o SERGAS lévanos de volta ao pasado: a unha enfermeira por actividade, sen continuidade asistencial e sen visión integral da persoa.

Isto non é o que queremos as enfermeiras e enfermeiros galegos.

As prazas deben fortalecer a Atención Familiar e Comunitaria

As 77 prazas de ESAD que fan atención domiciliaria deben integrarse nos servizos e unidades de Atención Primaria como enfermeiras/os de Atención Familiar e Comunitaria, reforzando o modelo actual e reducindo os cupos excesivos que impiden unha atención domiciliaria de calidade.

Se hoxe non se pode atender ben no domicilio non é por falta de perfís diferenciados, senón porque os cupos son inasumibles e os recursos insuficientes.

Queremos avanzar, non retroceder

CIG-Saúde esixe que o SERGAS:

  • Progrese no desenvolvemento real do Plan de Atención Primaria,
  • Identifique as necesidades do sistema,
  • E faga a cobertura necesaria con profesionais cualificados.

Por unha enfermaría con dignidade e respecto

Non queremos inventos nin experimentos coa nosa profesión.

Queremos estabilidade, dignidade e respecto.

Queremos progresar, non volver atrás.

O modelo proposto afonda na perda de calidade asistencial e evidencia un novo paso cara ao desmantelamento da Atención Primaria.

As enfermeiras e enfermeiros galegos esiximos respecto e avance profesional.

CIG-SAÚDE – A forza das persoas que loitan pola sanidade pública!

Volver