CIG-Saúde esixe á Consellaría de Sanidade medidas de protección fronte ao COVID-19

Escrito dirixido ao Conselleiro de sanidade e á Directora Xeral de Recursos Humanos do SERGAS.

  • Coronavirus
  • Sanidade Pública
  • Saúde laboral

Compostela, 13 de abril de 2020.

Nunha situación sanitaria tan grave como a que estamos a vivir,  a protección da saúde  do  persoal debe ser un obxectivo para esta Administración,  e non unha cuestión secundaria.

O SERGAS, ademais da obrigación legal, ten a obriga moral e ética, de dotar a todas/os as/s profesionais dos equipos de protección en consonancia coa exposición ao risco do COVID 19, tamén ten a obriga de informar e formar ao persoal.

Desde CIG-SAÚDE, reiteradamente, vimos exixindo do SERGAS que publique uns protocolos, baseados na evidencia científica, sobre o uso do material e dos equipos de protección individual. Debendo haber un protocolo para cada unidade e servizo, tanto nas unidades hospitalarias como en atención primaria. Debido á falta de material de protección,  pola falta de previsión das diferentes administracións, os protocolos foron cambiando e adaptándose, non ao risco, senón á falta de material.  Nada disto pode pór en risco de contaxio ao persoal.

Con esta situación o persoal ten que improvisar material de protección coas bolsas do lixo… Algo que non parece moi apropiado para un centro hospitalario. Non podemos establecer unha relación directa entre os contaxios de persoal, dos diferentes servizos, e a escasa ou nula protección dalgunhas/uns traballadoras/es. O que si podemos constatar é o incremento de contaxios entre o persoal dos diferentes servizos dos hospitais galegos.

Ante todo isto, desde CIG-SAÚDE exiximos:

  • Que se elaboren uns protocolos en cada unidade ou servizo de todos os centros hospitalarios e de atención primaria, no que se defina o nivel de protección deste persoal e o EPI que corresponda.
  • Que se informe ás/aos delegadas/os de prevención do material existente nos centros, e da ficha técnica e nivel de protección dos EPIs. De non existir  o dito material coñecer por qué material se está a substituír, nivel de protección deste material, riscos que corre o persoal ao estar exposto con material de baixa protección.
  • Coñecer o número de traballadoras/es do SERGAS infectados por COVID, disgregados  por servizos: hospital e primaria.
  • Realizacións dos test a todo o persoal do SERGAS.
  • E sobre todo, que non se escatime na protección do persoal, que unha vez máis arrisca a súa saúde para garantir a saúde da poboación.

O traballo do persoal do SERGAS non pode ser só unha ferramenta política para  publicar  os   bos resultados  sanitarios, sen ter en conta de cal é a situación do persoal, nin os riscos aos que están sometidos.

Reiteramos a nosa exixencia de coidar a quen coida, e de non pór en risco a saúde das/os profesionais por unha mala xestión do material de protección.

Así mesmo, exiximos a dotación de EPIs a todo o persoal en función do risco, e non do criterio economicista da xerencia.

 

Agardemos que estas medidas sexan tidas en conta.

Atentamente.

 

María Xosé Abuín Álvarez                                                                                Xoana Zamudio Cutrín

Secretaria Nacional CIG-SAÚDE                                                                     Delegada de Prevención CIG-SAÚDE

Volver