CIG Saúde esixe a eliminación da taxa de reposición

A precariedade laboral na sanidade pública non é só marca PP, agora tamén se suman PSOE e PODEMOS.

  • Sanidade Pública
  • Taxa de reposición

Na reunión da Mesa Xeral de negociación dxs empregadxs públicos do estado, celebrada en Madrid, o día 26 de outubro, o actual goberno do estado, é dicir PSOE/PODEMOS, negouse a eliminar a TAXA DE REPOSICIÓN, nin sequera nos servizos esenciais como a sanidade.

Tamén se negaron a que esta norma deixe de ter a consideración de norma básica, para que as CCAA poidan negociar no seu ámbito plans de emprego que permitan recuperar o cadro de persoal e eliminar a precariedade laboral.

Desde Madrid, o goberno central mantén a taxa de reposición. Agora nin sequera da cumprimento aos acordos da comisión de reconstitución da sanidade, aprobados no parlamento español.

Desde Galiza o goberno da Xunta e o Sr Feijoo manteñen a precariedade laboral, fraccionando os contratos en días, meses… Néganse a facer contratos estables en situacións tan complexas como a que estamos a vivir pola pandemia da COVID.

O persoal da sanidade xa non agardaba ningún tipo de recoñecemento polo seu traballo, incrementado pola pandemia da COVID. Non agardaba ningún recoñecemento, mais o que tampouco agardaba era este incumprimento do goberno do estado de PSOE/PODEMOS, aliado co goberno da Xunta de Galiza do PP no maltrato ás profesionais da sanidade pública.

Desde CIG-SÁUDE esiximos aos 3 partidos políticos que deixen de xogar coa sanidade pública e co seu persoal. Deixen de facer manifestacións públicas hipócritas sobre a defensa da sanidade pública.

Basta xa de MALTRATO!

Desde CIG-SAÚDE facemos un chamamento a todo o persoal a manifestarse en contra da taxa de reposición, para recuperar mais de 6.000 postos de traballo.

Máis tamén facemos un chamamento a toda a militancia destes partidos a que reclamen a eliminación da taxa de reposición, e a eliminación da precariedade laboral no persoal da sanidade pública.

ESIXIMOS A ELIMINACIÓN DA TAXA DE REPOSICIÓN E A RECUPERACIÓN DOS 6.OOO POSTOS DE TRABALLO ESTABLES NA SANIDADE PÚBLICA.

Non hai sanidade pública de calidade sustentada na precariedade laboral do persoal

Volver