CIG-Saúde esixe a Feijóo a recuperación dos acordos suspendidos

Traballadoras/es da sanidade pública: primeira liña na loita contra a COVID

  • Sanidade Pública

A pandemia da COVID-19 fixo que se visibilizaran as precarias condicións de traballo do persoal da sanidade pública, persoal que xa ten demostrado a súa excelencia profesional e o seu compromiso coa saúde das persoas prestando un servizo esencial as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Aínda que esta situación de precariedade está a ser máis visible durante a pandemia, non é moi diferente da que acontece desde hai anos.

O traballo que se desenvolve na sanidade pública, con pandemia e sen ela, necesita dun grao de compromiso dos/as profesionais que vai mais alá das competencias do seu posto; xa que co seu traballo, teñen que cubrir os recortes que fai o goberno, para poder seguir ofrecendo unha sanidade de calidade.

Fronte a isto que fai Feijóo?

Manter os recortes salariais do persoal da sanidade, situando as súas retribucións ao final da lista das retribucións dos Servizos de Saúde.

Feijóo reclama ao Goberno do Estado que cumpra a normativa, mentres el declárase insubmiso.

Desde a CIG-SAÚDE queremos lembrarlle que el tamén ten obriga de cumprir as normas. Xa que os acordos salariais e retributivos, pactados na Mesa Sectorial e publicados no DOG, son normas que hai que CUMPRIR.

Feijóo non se pode agochar detrás da maioría que ten no parlamento galego para aprobar leis de medidas orzamentarias que seguen a conxelar os acordos retributivos dos anos 2008/12.

Xa se adiantou aos recortes do Goberno do Estado (do ano 2012) cando no ano 2010 conxelou o acordo retributivo.

Pero non é este o único recorte salarial que fixo Feijóo. Xa ven recortando desde que era Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade, nos seus anos dourados da Ría de Arousa, cando recortou o Complemento Específico do persoal do SERGAS.

Mais isto non pode continuar, o persoal do SERGAS ten dereito a percibir as retribucións que lle corresponden; as retribucións recollidas nos acordos retributivos, e publicadas no DOG.

Exiximos que este ano se negocie na Mesa Sectorial do SERGAS un calendario de recuperación salarial, para facer efectivos os importes do acordo retributivo correspondentes aos anos 2010, 2011 e 2012.

Así mesmo, solicitamos que o persoal do SERGAS perciba a contía retributiva correspondente ao Complemento Específico, recollido na Orde de confección de nóminas, que perciben os/as empregados/as públicos/as da Xunta de Galiza.

É intolerable que o persoal do SERGAS, que traballa noites, domingos e festivos, perciba unha retribución inferior ao persoal da Xunta, que traballa en quenda de mañá de luns a venres.

Para Alberto Núñez Feijóo, este é o trato que merece o persoal do SERGAS...

  

Volver