
CIG-Saúde esixe a participación do persoal na planificación da vacinación COVID
Escrito dirixido ao Conselleiro de Sanidade
- Coronavirus
- Sanidade Pública
As noticias que chegan a través dos medios de comunicación sobre a inmediata posta en marcha do proceso de vacinación fronte ao SARS-CoV-2 espertan a preocupación das profesionais, especialmente das de Atención Primaria, sobre a planificación e desenvolvemento desta campaña de vacinación, que presenta características diferenciais cos programas de vacinación habituais, entre outros:
• A esixencia de condicións de frío extraordinarias no transporte e almacenamento dalgunhas vacinas.
• A distribución en viais multidose, que requiren planificar as citacións para evitar a perda de dose.
• A posible coincidencia de uso de diferentes vacinas, con diferentes formatos e instrucións específicas de manexo.
• A necesidade de completar a cobertura de vacinación con dúas doses, nun contexto de uso de diferentes vacinas.
• A necesidade de manter a distancia física e as medidas preventivas durante o proceso.
• As características especiais do Rexistro de vacinación.
• A necesidade de considerar posibles puntos de vacinación adicionais aos habituais.
Temos información de que se está a estudar, no contexto da “estratexia de vacinación da COVID-19” do Ministerio de Sanidade, o protocolo que responda ás cuestións anteriores.
Desde CIG-Saúde solicitamos que se teña en conta a opinión das profesionais con experiencia acreditada en campañas de vacinación, especialmente da Atención Primaria, neste proceso.
Desde CIG-Saúde tamén solicitamos que se planifique un proceso de formación e información ao conxunto de profesionais, a desenvolver o antes posible, no que se contemplen os criterios de prioridade dos grupos de poboación a vacinar, os aspectos fundamentais relacionados coa loxística e os criterios técnicos do proceso de vacinación.
Non se entendería que as persoas responsables de desenvolver unha campaña de vacinación tan especial tiveran esta información polos medios de comunicación.
Novas Relacionadas
Últimas novas