CIG-Saúde esixe ao SERGAS que deixe de eliminar prazas do grupo administrativo C1
O sindicato reclama o recoñecemento das funcións de C1 e a promoción interna do persoal auxiliar.
- Ag Persoal non sanitario
- Sanidade Pública
CIG-Saúde solicitou á Consellería de Sanidade e á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS que paralicen de inmediato a amortización de prazas do grupo administrativo (C1) e a súa substitución por prazas do grupo auxiliar da función administrativa (C2). O sindicato denuncia que, mentres se reducen as prazas C1, hai persoal auxiliar que asume funcións e responsabilidades propias do grupo administrativo sen o recoñecemento profesional nin as retribucións correspondentes.
CIG-Saúde leva anos trasladando esta situación á Administración, con especial insistencia desde 2020. A Dirección de Recursos Humanos comprometeuse a analizar os postos da función administrativa, revisar as titulacións e os requisitos de acceso e abordar na Mesa Sectorial un proceso de promoción interna para o persoal auxiliar. Eses compromisos seguen pendentes de concretarse.
Revisar os postos e garantir a promoción interna
CIG-Saúde reclama un mapa das prazas C1 e C2 de todas as áreas sanitarias, centros e servizos do SERGAS que recolla as funcións que se desempeñan en cada posto. A partir desa revisión, o sindicato esixe crear as prazas C1 necesarias e reconverter as prazas C2 nas que se acredite que se realizan funcións propias do grupo administrativo.
O sindicato demanda que o persoal auxiliar poida acceder ás prazas resultantes mediante procesos de promoción interna que recoñezan a experiencia, a formación e os coñecementos adquiridos no SERGAS. Para facelo efectivo, reclama que a oferta de emprego público de 2026 inclúa prazas C1 para a súa cobertura por esta vía.
CIG-Saúde pide unha resposta expresa ás demandas e a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial extraordinaria. Nela deben negociarse os criterios para revisar e reconverter os postos, as titulacións e os requisitos de acceso, os mecanismos de promoción interna e un calendario concreto para aplicar as medidas.