CIG-SAÚDE esixe o cumprimento do pacto de selección temporal do SERGAS

Esiximos a convocatoria da Comisión central de seguimento do pacto de selección temporal para rematar coa excepcionalidade

  • Sanidade Pública
  • Selección Temporal

Cando se iniciou o estado de alarma no mes de marzo, o Sergas emitiu a instrución 4/2020 sobre medidas en materia de persoal como consecuencia do COVID-19. Dita instrución facilitaba unha serie de medidas excepcionais para poder dispoñer de aspirantes, e que as distintas xerencias poderían aplicar en función da realidade existente en cada área ou distrito.

Como CIG-Saúde non nos opuxemos posto que eran medidas excepcionais e urxentes para unha situación extraordinaria e nunca vivida.

Posteriormente, no mes de abril, dende a Consellería de Sanidade ordenouse aos centros a renovación de todas as acumulacións de tarefas durante o mes de maio porque o Ministerio de Sanidade lles esixía manter aos mesmos efectivos por continuidade asistencial, para poder pasar á fase 1 de desescalada.

CIG-Saúde transmitiulle ao SERGAS que o que se tiña que indicar, era que se mantivese o mesmo nº de reforzos de COVID-19, pero terían que ofrecerse ás persoas aspirantes das listas de selección temporal que lles correspondese pola súa orde de prelación nas listas, persoas con experiencia suficiente para atender con solvencia nas unidades COVID e que manterían igualmente a continuidade asistencial.

A maiores denunciamos que existen categorías nas que xa non hai indispoñibilidade, pero as xerencias non queren volver á normalidade de ter que aplicar o pacto de selección temporal, amparándose en que non teñen unha instrución que revogue esas medidas.

Desde CIG-Saúde esiximos que se respecten os acordos e pactos asinados, e no momento actual de entrada nas fases de desescalamento se remate dunha vez coas excepcións.

Esiximos que a partir de agora se realicen os chamamentos de vinculacións temporais de conformidade co Pacto de selección temporal vixente. Naquelas categorías onde exista indispoñibilidade, esiximos que se acorde nas comisións periféricas que medidas excepcionais aplicar á hora de realizar os chamamentos, pero en todo o demais se respectarán as normas do pacto de selección temporal.

Dado que á volta do verán se prevé un posible repunte da pandemia polo COVID, solicitamos que á maior brevidade posible se convoque á Comisión central de seguimento do pacto de selección temporal, para acordar con tempo as medidas excepcionais que se poderán tomar chegado o momento. Non queremos volver á improvisación e á falta de transparencia que se impuxo ata o de agora.

Volver