CIG-Saúde esixe unha rectificación pública das declaracións da Xerente da Área de Santiago responsabilizando o persoal sanitario dos contaxios

  • Sanidade Pública
  • Santiago

A CIG-Saúde vai dirixir un escrito ao presidente da Xunta e mais ao conselleiro de Sanidade reclamándolle que adopten as medidas necesarias ante as irresponsábeis declaracións da Xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, nas que acusa ao propio persoal sanitario de ser o responsábel dos contaxios do coronavirus. A Federación de Saúde da CIG tamén esixe unha rectificación pública inmediata a Eloína Núñez e que recoñeza os erros na xestión da crise sanitaria e a falta de medidas de protección suficientes.

Cómpre lembrar que Núñez responsabilizou -en declaracións aos medios de comunicación-, o persoal sanitario de ser culpábel dos contaxios de Covid19 entre os/as profesionais da sanidade, entre outras cuestións, por utilizar as cadeiras de brazos situadas nas salas de descanso. Segundo manifestou, esta foi a razón pola que se ordenou a retirada das cadeiras destas  zonas, "deixándonos sen lugares de repouso malia ter que soportar quendas de 7 e 10 horas".

Estas declaracións teñen xerado un enorme malestar entre as e os profesionais da área sanitaria, que lembran que había unha prohibición expresa de usar máscaras a nivel interno no centro sanitario, agás no caso de tratar directamente con doentes con síntomas. Ademais, subliñan dende CIG-Saúde, o persoal tivo que traballar con EPIs insuficientes -en moitas unidades inexistentes- e por enriba coa obriga de non utilizar equipos de protección individual porque, segundo a Xerente, daba mala imaxe e creaba alarmismo entre a poboación.

Esta neglixente e irresponsábel xestión foi a que facilitou a expansión dos contaxios entre o persoal sanitario "pois moitos traballadores e traballadoras infectáronse precisamente por non levar EPIs ou máscara e estar en contacto con compañeiras/os e doentes asintomáticas".

Dende a CIG-Saúde piden da Consellería de Sanidade e da Presidencia da Xunta de Galiza que manifesten se apoian as afirmacións de Eloína Núñez "e de non ser así solicitamos unha rectificación pública por parte do presidente e do conselleiro e que se tomen as medidas oportunas para apartar do seu cargo a unha persoa que xa demostrou non ter capacidade para xestionar unha situación de emerxencia sanitaria como a actual".

Volver