CIG-SAÚDE esixe un cambio na política sanitaria do SERGAS

As dificultade de acceso ás citas e as listas de agarda confirman o importante déficit de persoal e de medios na atención primaria.

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

ESIXIMOS UN CAMBIO NA POLÍTICA SANITARIA DO SERGAS. AS/OS PROFESIONAIS SANITARIOS QUEREN FACER BEN O SEU TRABALLO, ATENDER Á POBOACIÓN CON TODAS AS GARANTÍAS DE SEGURIDADE, SÓ FALTA QUE O SERGAS TAMÉN QUEIRA.

O persoal da Atención Primaria leva anos demandando traballar nunhas condicións dignas, con seguridade para a súa saúde e a saúde da poboación. Para isto é preciso dispor dos recursos humanos e materiais necesarios, e que a súa opinión clínica estea por riba dos intereses políticos.

Desde o 2009, vimos reclamando un plano de Atención Primaria que dea resposta ás demandas dos profesionais para poder atender con dignidade ás necesidades de saúde da poboación, fronte a isto a resposta do SERGAS foi:

• Eliminar postos de traballo na Atención Primaria, xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen incorporar as prazas MIR para garantir a reposición.

• Eliminar as xerencias de Atención Primaria e o seu orzamento.

• Eliminar a capacidade clínica das profesionais dificultando a derivación de pacientes á atención hospitalaria e a solicitude de exploracións complementarias.

En conclusión anularon a capacidade resolutiva e colapsaron a atención primaria.

Coa chegada da COVID-19, todas as deficiencias da Atención Primaria agraváronse, e como consecuencia empeoráronse as condicións laborais do persoal, e sobre todo empeorouse a asistencia sanitaria que se presta.

Ante isto, cal é a resposta do SERGAS? dicirlle á poboación que a solución é a “consulta telefónica”, a prestación sanitaria a través das chamadas de teléfono, para intentar maquillar a ausencia de profesionais. Intentando deste xeito responsabilizar ao persoal da situación de colapso, da imposibilidade de acceso para conseguir unha cita e das listas de agarda de máis de dez dias.

Defendemos a “consulta telefónica” como unha ferramenta máis a utilizar na prestación sanitaria, que en este momento da pandemia permite organizar a demanda, pero como unha ferramenta máis e non como a “única”. Mais esta consulta telefónica non se fai soa, precisa de profesionais co tempo suficiente, dispoñibilidade nas axendas para redirixir ás consultas presenciais, medios técnicos...

AS DIFICULTADES DE ACCESO ÁS CITAS E AS LISTAS DE AGARDA CONFIRMAN O IMPORTANTE DEFICIT DE PERSOAL E DE MEDIOS NA ATENCIÓN PRIMARIA.

Ante esta grave situación, desde CIG-SAÚDE esiximos ao SERGAS:

• Que deixe de estar ausente nos problemas dos seus profesionais e da sanidade galega.

• Que escoite ás profesionais da Atención Primaria.

• Que publique as conclusións dos grupos de traballo constituídos por profesionais da sanidade pública, e que o SERGAS dea cumprimento as súas propostas de mellora da Atención Primaria.

• A convocatoria inmediata da reunión solicitada para concretar a ordenación de Recursos Humanos, imprescindíbel para identificar as necesidades de profesionais e rematar coa precariedade laboral.

Desde CIG-SAÚDE non imos cesar até conseguir estas reivindicacións, UTILIZAREMOS TODAS AS MEDIDAS DE PRESIÓN NECESARIAS, non imos consentir que a atención empeore día a día responsabilizando as/os profesionais da situación.

Volver