CIG-Saúde esixe un cronograma de todos os procesos do SERGAS
Esixe a publicación inmediata das listas de selección temporal
- Sanidade Pública
Este ano 2020, por mor dos efectos da pandemia da COVID-19, está sendo moi difícil ter unha certa normalidade nos distintos procesos do SERGAS.
Durante 3 meses se paralizaron todos os procesos (listas de selección temporal, concurso de traslados e OPE).
No mes de xuño reanudáronse certos procesos pero moi lentamente e a un ritmo inferior ao desexable, mantendo ou incrementando aínda máis a demora xa existente. Isto está a provocar unha grave distorsión na contratación e unha incertidume innecesaria polas tomas de posesión.
Desde CIG-Saúde esiximos que neste mes de xullo, a Dirección de RRHH do SERGAS, remita ás OOSS da Mesa Sectorial un cronograma coas previsións dos distintos procesos:
- OPE:
- Previsión da toma de posesión de enfermeiro/a, celador/a e grupo auxiliar da función administrativa.
- Previsión dos exames das categorías de pinche, cociñeiro/a, FEAs, MUH, Técnicos/as superiores, Técnico/a de farmacia... que xa teñen publicada a convocatoria.
- Concurso de traslados: Previsión da toma de posesión.
Non aceptamos ningunha demora máis e esiximos a publicación inmediata dos seguintes procesos:
- Listas de selección temporal:
- Publicación das listas definitivas de enfermeiro/a, enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, enfermeiro/a especialista en enfermaría de saúde mental, matrón/a, médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, pediatra de atención primaria, persoal de servizos xerais.
- Publicación das listas provisionais de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria e enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica.
- OPE:
- Publicación da plantilla definitiva e puntuación provisional da fase de oposición das categorías de enfermeiro/a especialista, matrón/a, PSX, fisioterapeuta, TCAE, odontólogo de AP, pediatra de AP e médico/a de familia.
Desde CIG-Saúde non aceptamos que a Administración se paralice amparándose en que estamos no período estival e polas eleccións autonómicas. O persoal do SERGAS traballa os 365 días do ano, e ao noso entender, a Administración tamén.