CIG-Saúde exixe á Fundación Novoa Santos o cumprimento do convenio do persoal investigador
Denuncia que o está contratado como persoal de apoio incumprindo a clasificación profesional
- Institutos investigación
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde vén de se dirixir tanto ao conselleiro de Sanidade como ao Presidente do Padroado Fundación Profesor Novoa Santos e o Xerente do CHUAC para exixir o cumprimento do convenio colectivo do persoal investigador das fundacións sanitarias recén asinado. Denuncia que se está contratando a este persoal incumprindo a clasificación profesional e como se fose persoal de apoio.
A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín lembra que o pasado 21 de xuño, e tras 2 anos de negociación, asinábanse os convenios colectivos das Fundacións Profesor Novoa Santos, Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e Fundación Biomédica Galiza Sur. “Convenios que foron asinados, en representación das Fundacións, polas presidentas e presidentes do seu padroado”, matiza.
Sinala que o convenio colectivo recolle que “se negociou de boa fe co máximo respecto á lexislación vixente e declara como obxecto común das partes a comunicación permanente e a aceptación mutua do diálogo”.
Xunto a isto subliña que, aínda que o convenio está en fase de tramitación para a súa publicación, existe xurisprudencia suficiente que declara que o convenio ten efectos desde a data da súa sinatura.
Clasificación profesional
Por iso, apunta que o capítulo II Clasificación Profesional: grupos, subgrupos e niveis profesionais, recolle os aspectos básicos da clasificación atendendo ao artigo 22 do Estatuto das e dos Traballadores. Un artigo que fixa para a existencia dun grupo profesional: aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.
En base a isto o convenio di textualmente:
Subgrupo 1.1 investigadoras e investigadores, que engloba os seguintes niveis: Nivel 1.- investigador/a R4; nivel 2.- R3; nivel 3.- R2; nivel 4.- R1
E o subgrupo 1.2. Persoal de apoio á investigación, Niveis do 1 ao 6 en función da súa titulación.
Persoal de apoio
Tendo isto en conta, Abuín denuncia o que está a acontecer na Fundación Profesor Novoa Santos coa contratación de persoal como “un claro incumprimento do convenio”. Neste sentido asegura que desde o 12 de xullo, tal e como se pode observar na web “a FPNS cambiou o seu modo de contratación e está a contratar investigadoras e investigadores como persoal de apoio. Incluso trata de facer contratacións de doutoras/es como licenciadas/os”.
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde o máis grave é que na FPNS trúncase a carreira investigadora ao contratar a este persoal cunha categoría diferente. “Isto vai provocar que a xente que queira investigar emigre por non ter un contrato que recoñeza a súa condición de investigador/a nin a súa calidade científica. Tamén vai impedir que as investigadoras/es se poidan beneficiar dos programas das axencias financiadoras de investigación ou de plans de dinamización propios da entidade”.
Matiza, ademais, que hai unha clara diferenza entre persoal investigador que desenvolve actividade de investigación e especialización científica e o persoal de apoio.
Como exemplo sinala os anuncios da FPNS do 5 de agosto: “convócanse postos de traballo para doutores investigadores especializados como pe5rsoal de apoio co título de licenciado”, e do 29 de xullo: “convócase un contrato para un traballo de investigación predoutoral como persoal de apoio”.
A secretaria nacional de CIG-Saúde afirma que “isto tamén está a suceder cos contratos no eido do proxecto InnovaMicroLab”.
Abuín lembra que “as dificultades das relacións laborais nesta fundación son máis parecidas as de épocas pasadas e existe unha constante alusión a que son os sindicatos os que dificultan o desenvolvemento profesional, como se a precariedade laboral existente fose un mérito”.
Por iso exixe a modificación destes contratos e que se contrate atendendo á clasificación profesional recollida no convenio colectivo, así como o máximo respecto ao traballo desenvolvido polo persoal que traballa no eido da investigación e o seu recoñecemento profesional.