CIG-Saúde exixe á Ministra de Sanidade respecto real na negociación do Estatuto Marco
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde manifesta o seu máis enérxico rexeitamento ao comunicado emitido polo Ministerio de Sanidade no que se anuncian supostas melloras na negociación do Estatuto Marco, cando esta negociación está, na realidade, lonxe de estar pechada.
Desde CIG-Saúde pregúntanse se o Ministerio con este movemento pretende dar por pechada unha negociación que non rematou ou reducir a negociación a un mero trámite sen contido real.
Resulta incomprensible esta actitude por parte da Ministra, que parece querer impoñer unha nova clasificación profesional sen contrapartida retributiva, e esquece aspectos esenciais como a xubilación anticipada e parcial para o persoal que traballa na sanidade pública. Por estas razóns CIG-Saúde ten convocadas concentracións nos centros sanitarios o día 18 de xuño ás 12h.
O Ministerio traslada á opinión pública unha imaxe distorsionada do proceso negociador, xa que temas fundamentais como a xornada laboral e os tempos de descanso nin sequera foron debatidos nin se analizaron as alegacións presentadas polas organizacións sindicais. CIG-Saúde non aceptaremos unha regulación da xornada e dos descansos que prexudique os dereitos das persoas que traballamos na sanidade pública.
Un novo Estatuto Marco é posible, pero require vontade política e compromiso real coas condicións laborais do persoal que traballa na sanidade pública.
Desde CIG-Saúde deixamos claro que non avalaremos unha reforma do Estatuto feita ás costas dos e das profesionais, sen negociación nin recoñecemento dos seus dereitos.
CIG-Saúde continuará mobilizándose e esixindo un proceso negociador serio, transparente e con garantías.