CIG-Saúde exixe a integración de todos os servizos asistenciais que presta Galaria no CHUVI

Demanda de Sanidade información sobre o convenio asinado entre Galaria e Povisa

  • Sanidade Pública

CIG-Saúde vén de solicitar información sobre a legalidade do acordo asinado entre a Xerenta de Galaria e o Xerente do hospital “Ribera Povisa”, así como se este acordo de colaboración foi unha decisión da consellaría de Sanidade, ou unha decisión das partes que asinan o devandito acordo. Exixe ademais a integración de todos os servizos asistenciais que presta Galaria na Área Sanitaria de Vigo.

Segundo explica a secretaria nacional de CIG-Saúde, no texto do acordo “recóllese a derivación de doentes, que teñen a súa prestación sanitaria a cargo de Povisa, para seren tratados en Galaria”. Unha situación motivada, segundo Abuín, por que “o acelerador de Povisa leva acumulados xa 2 meses de retraso sobre o cronograma previsto”.

A CIG-Saúde entende que o SERGAS, antes de realizar este convenio, ten solicitado de Povisa un informe referente ao retraso na instalación do acelerador, e as graves consecuencias que este retraso ten sobre a saúde das e dos doentes que necesitan recibir esta prestación sanitaria.

Neste sentido Abuín denuncia que Povisa “percibe un dos maiores concertos económicos para a asistencia da poboación asignada, polo que debería garantir unha prestación sanitaria de calidade”.

Cesión ilegal de traballadoras e traballadores

A secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que “Galaria non pode funcionar como unha ETT de Povisa” e que “o traslado de persoal de Povisa, hospital privado, a Galaria, empresa pública, é, cando menos, unha cesión ilegal de traballadores/as”.

“O traslado de persoal de Povisa, hospital privado, a Galaria, empresa pública, é, cando menos, unha cesión ilegal de traballadores/as”

Lembra o dereito de toda a poboación da área sanitaria de Vigo e do resto de áreas sanitarias a recibir unha sanidade de calidade no tempo que a indicación clínica establece. E considera que “non pode perdurar no tempo esta situación. O SERGAS paga polo concerto e a prestación realízase na sanidade pública”.

Anomalía no sistema

Abuín considera que o que acontece en Vigo, coa cesión destes servizos a Galaría “é unha anomalía que repercute gravemente na asistencia sanitaria desta área e incumpre o modelo de xestión integrada desta consellaría”.

Por iso a CIG-Saúde solicita, unha vez máis, a integración de todos os servizos asistenciais que presta Galaria na área sanitaria de Vigo. “A normativa das áreas sanitarias e da xestión integrada que ten a consellaría de Sanidade recolle que todos os servizos sanitarios formarán parte da mesma estrutura da área sanitaria”, lembra.

Xunto a isto subliña que a integración destes servizos na área sanitaria “é unha demanda, non só sindical, senón das e dos profesionais destas áreas e do resto de profesionais que lle permitiría unha mellor coordinación e unha asistencia integrada”.

A central sindical agarda recibir a información solicitada á maior brevidade posible. “Do contrario veriámonos na obriga de solicitala polas vías que procedan”, advirte María Xosé Abuín.

Volver