CIG-Saúde exixe que a Xunta recupere POVISA para a Sanidade Pública en lugar de permitir a súa venda
Denuncia que Ribera Salud está implicada nas “mordidas” en Valencia e que alí se recuperaron os hospitais
- POVISA
- Sanidade Privada
- Sanidade privada
- Vigo
A CIG-Saúde denuncia a operación de venda do hospital de POVISA e exixe que sexa a Xunta de Galiza quen o adquira, para que sexa público, polos 24 millóns de € que vai pagar a filial da norteamericana Centene Corporation, Ribera Salud. “O SERGAS destina anualmente 90 millóns a POVISA nun convenio coa Xunta para dar prestación a máis de 137.000 usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo, polo tanto non se pode deixar en mans dunha empresa privada cuestionada polo traballo que ten desenvolvido no hospital de Alcira”, afirma a secretaria nacional, María Xosé Abuín.
A CIG-Saúde lembra que o hospital de Alzira, na Comunitat Valenciana, foi revertida ao público en Valencia tras denunciarse numerosas irregularidades nas que estaba implicada Ribera Salud. Entre outras cuestións, sinala que foi denunciada en 2015 porque levaba sen presentar as súas contas anuais desde 2008; por adebedar cartos á Generalitat Valenciana; por acumular miles e miles de euros en facturas sen pagar ou por sobrecustos na facturación de Urxencias de até 2,6 millóns de euros.
“Mesmo se investigou se cobraba comisións por próteses pagadas con cartos públicos e está implicada no caso das “mordidas”, tras constatarse que triplicara os seus beneficios e até foi investigada por Facenda. Toda unha serie de irregularidades que levaron finalmente á que se recuperara para o sector público en Valencia mais á que agora se lle abre a porta ao negocio da saúde en Galiza”, afirma Abuín.
Explicacións de Feijóo
Para a CIG-Saúde o que está ocorrendo con POVISA “é intolerable”. Por iso ademais de solicitar unha reunión co conselleiro de Sanidade, demanda que o propio Presidente da Xunta dea explicacións. “Ten que dicir por que o goberno galego deixa marchar a POVISA por 24 millóns de euros cando estamos falando de que atende a 137.000 persoas da área sanitaria de Vigo investindo 90 millóns de euros do erario público cada ano”.
A CIG-Saúde desconfía ademais de toda a operación e moito se teme que todo o que vén ocorrendo arredor de POVISA, desde hai un ano, desde o preconcurso de acredores até a mellora do convenio asistencial, co que se incrementou a partida do concerto porque, supostamente, non tiña recursos abondo, era “para facela máis atractiva facilitando as cousas para o desembarco desta empresa”. Por iso apunta á consellaría de Sanidade como “coñecedora e cómplice” de todo este asunto.
Abuín sinala ademais que “aínda que agora digan que van garantir os postos de traballo, a CIG-Saúde sospeita que isto sexa de inicio”. Alerta de que Ribera Salud foi denunciada por non manter as ratios de profesionais necesarios/as por número de doentes para garantir a calidade asistencial e acusa ao goberno galego pola súa “desidia, cando estamos falando de xogar a vender a saúde das persoas”.
Ademais, a CIG-Saúde moito se teme que esta sexa só a primeira pata que Ribera Salúd pon na sanidade galega, porque “xa corren rumores de que ademais pretende facerse co accionariado da UTE que é propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro”.
Por iso denuncia que “se Feijóo permite esta operación estará poñendo en mans da sanidade privada toda a asistencia sanitaria da área de Vigo, unha área xa castigada polos recortes, polas listas de agarda e polo modelo de privatización do Álvaro Cunqueiro, algo que para a CIG-Saúde é inadmisible”.