CIG SAÚDE informa da comisión central de contratacións

  • Sanidade Pública
  • Selección Temporal

1. Plan de continxencia COVID: Proposta de medidas para incrementar a dispoñibilidade efectiva de aspirantes en listas.

A Admón di que estas medidas serán de aplicación só para as categorías deficitarias. Inicialmente para as de enfermeira, matrona, TCAE, médico/a de familia, MUH e pediatra de AP; e que podería ampliarse a outras categorías en función da evolución da pandemia se acreditan situación de indispoñibilidade. CIG-SAÚDE solicitamos que foran de aplicación a todas as categorías.

  • Puntuación adicional

Aceptan a alegación de CIG-Saúde no referente a que esta puntuación adicional non se encadre dentro de ningún apartado concreto do baremo sen sobrepasar o máximo dos 100 puntos.

Aceptan a alegación de CIG-Saúde no referente ao períodos computables, quedando da seguinte maneira:

  • 1º período: 14/03/2020 a 31/12/2020
  • 2º período: 01/01/2021 a 15/10/2021

A quen lle conceden esta puntuación?

Esta puntuación de 1,5 puntos concederáselle a aquelas persoas que estiveran dispoñibles de forma continuada en cada un dos períodos, tanto as que están nas listas coma as de fóra de lista. Entendendo como dispoñible:

  • que estiveran contratados,
  • que estiveran sen contrato pero sen solicitar suspensión de chamamentos, e
  • e as suspensións de chamamentos por IT relacionada co embarazo, maternidade, paternidade e adopción/acollemento, e as causas de reactivación automática, excepto a de asuntos propios.

Se unha persoa estivo en suspensión de chamamentos por algunha causa distinta a estas no 2020 xa non tería esta puntuación de 1,5 puntos, e o mesmo se aplicaría para o 2021.

A Administración introduciu unha proposta de que se darán 0,75 puntos se en cada un dos períodos a persoa estivo dispoñible de forma continuada durante 6 meses. É dicir 6 meses continuados no 2020 e/ou 6 meses continuados no 2021.

  • En enfermeira, nas áreas especiais de UCI/REA/Queimados, Quirófanos e Urxencias hospitalarias poderán acceder á área especial as persoas con máster, experto ou especialización nesas áreas e que se fixera nos últimos 10 anos. A aceptación para ser incluídas nestas áreas especiais será voluntaria.

CIG-Saúde solicitamos que se acreditase que esta formación universitaria tivera un período de prácticas, que non queremos volver á época na que se accedía á área especial cun curso de formación.

  • Habilítase que as persoas nun contrato de interinidade nunha categoría poidan promocionar a outra categoría.

CIG-Saúde solicitamos que compute en servizos prestados nas dúas categorías, igual que a promoción interna do persoal fixo.

  • Poderán mellorar os contratos a tempo parcial para contratos a xornada completa por períodos mínimos de 15 días.

CIG-Saúde denunciamos o fraude que se está a cometer nas xerencias onde se mantén o contrato a tempo parcial, co conseguinte cómputo dos servizos prestados diminuído, pero se lles oferta a cobertura de quendas a maiores a prezo de horas de continuidade, sen o pago do complemento de noites e festivos.

  • Anticípase a publicación das listas definitivas a 30 de xuño de 2021.

CIG-Saúde solicitamos que esta programación se manteña para as xeracións futuras das listas, e a Admón está dacordo coa nosa petición.

CIG-Saúde rexeitamos esta proposta de medidas, porque a puntuación adicional non se aplica de forma proporcional en función da dispoñibilidade. É unha puntuación na que ou é todo ou nada. Penaliza as persoas que se contaxiaron ou estiveron aillados pola COVID, que tiveron accidentes de traballo... porque non recolle as situacións de IT nin o resto de causas que poden xustificarse debidamente.

Estas propostas acordadas con CCOO e CESM-OMEGA nesta comisión central en referencia ao plan de continxencias trasladaranse á Mesa sectorial da semana que vén.

 

2. Nomeamentos temporais por emerxencia sanitaria: orde de chamamento.

A Administración confirmou que estes contratos serán de 4-6 meses prorrogables mentres dure a emerxencia sanitaria. Serán para todas as categorías.

CIG-Saúde esiximos que este contrato se oferte como longa duración, pero quedando como dispoñible para todos os contratos de longa duración que lle corresponda pola súa orde de puntuación, coa condición de que quen teña contrato en vigor, poderá renunciar sen penalización.

Todas as OOSS, excepto CCOO, apoiaron a proposta de CIG-Saúde e vaise trasladar á Mesa Sectorial da semana que vén.

 

3. Rogos e preguntas.

  • CIG-Saúde solicitamos que se incluíse a nosa proposta de mellora de contrato nas listas autonómicas na vindeira comisión central. A Admón di que este tema ten que tratarse na negociación do novo pacto.
  • CIG-Saúde denunciamos que non se incluíse na orde do día de hoxe a xestión das listas das especialistas en enfermaría familiar e comunitaria que se tratou na comisión anterior. Esiximos que se trate este tema na vindeira reunión. A Admón di que este tema ten que tratarse na negociación do novo pacto, incluíndo a todas as especialidades de enfermaría.
  • CIG-Saúde solicitamos que as persoas en maternidade se lles ofrezan os contratos de curta duración que lles corresponda, igual que se fai coas longas duracións. Este tema tamén o queren deixar para o novo pacto.

Para máis información diríxete as/os nosas/os delegadas/os.

Volver