CIG-Saúde lémbralle a Feixoo que a precariedade laboral e salarial no SERGAS é responsabilidade das súas políticas

Pídelle ao PP que deixe de facer electoralismo a conta do persoal sanitario

  • Sanidade Pública
  • Taxa de reposición

Diante das declaracións de Núñez Feixoo pedíndolle ao Goberno español que suprima a taxa de reposición para a sanidade e os servizos sociais como "mellor compensación e recoñecemento" ao esforzo realizado por este persoal na pandemia, CIG-Saúde insta a Xunta a que asuma as súas competencias e mude de vez a política laboral baseada na precariedade e a inestabilidade imposta ao longo destes  anos.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, sinala que cubrir as prazas vacantes con persoal fixo "non é unha compensación é unha necesidade" para poder garantir unha sanidade pública de calidade e unhas condicións dignas. Neste senso, lémbralle a Feixoo que a taxa de reposición foi imposta por Mariano Rajoy en 2010 e mentres o PP estivo á fronte do Goberno do Estado "nunca se opuxo ás limitacións na contratación, senón ao contrario, Feixoo foi un dos grandes defensores destas política de recortes asumíndoa sen complexos".

O plan de emprego debería contemplar 6.000 postos

De feito, Abuín apunta que o plan de emprego do SERGAS contempla a reposición de 3.000 efectivos, cando os cálculos da CIG-Saúde sitúan as necesidades de persoal na sanidade pública en máis de 6.000 postos. "O que pensa facer Feixoo non é repoñer, senón seguir mantendo a inestabilidade e a precariedade laboral no SERGAS", afirma.

Explica que a Consellaría de Sanidade négase de maneira reiterada na Mesa Sectorial a elaborar un sistema identificativo de prazas que permita coñecer á realidade dos cadros de persoal: canto persoal é fixo, canto interino, canto eventual, cantas prazas estruturais están sendo cubertas dende 2009 con contratos de acúmulos de tarefas que se renovan cada seis meses, etc.

A Administración galega tamén se nega a negociar un plan de ordenación dos recursos humanos que identifique as necesidades reais de dotación do persoal que ten o SERGAS e se traduza en estabilidade laboral para as e os profesionais.

"A precariedade laboral que sofre o persoal da sanidade pública non vén só pola taxa de reposición, senón que é responsabilidade da política laboral da Consellaría; ou acaso vai cambiar a política de cobertura de IT con contratos por días e horas, en vez de recorrer a contratos continuados", pregunta Abuín.  

Suspensión dos acordos retributivos

Nesta liña, acusa a Feixoo de pretender sacar rendemento electoral a conta do persoal da sanidade e dos servizos sociais, "botando culpas sobre o outros cando nos últimos dez anos se negou a asumir as competencias que ten a Xunta nesta materia". Lembra a secretaria da CIG-Saúde que xa no ano 1996, Feixoo impediu unha suba retributiva do persoal alegando que o complemento  específico eran 'salarios inxustificados' e que dende o 2010 están suspendidos os acordos retributivos acadados entre a representación social e o bipartito. "Os traballadores e traballadoras da sanidade galega seguimos estando á cola do Estado nas retribucións", apunta.

Xunto a isto, critica que, agora que se fala valorizar o traballo en I+D+I como aspecto fundamental para saír da emerxencia sanitaria, a Xunta continúa sen ofrecer estabilidade ao persoal investigador deixándolle como única saída a emigración e descapitalizando así o noso coñecemento científico.

Por todo isto, CIG-Saúde insta ao Goberno galego a deixar de pedir responsabilidades fóra, exerza as súas competencias e dote de estabilidade e condicións laborais dignas ao persoal da sanidade. "Ese é o mellor recoñecemento que lle pode facer", conclúe.

Volver