CIG-Saúde Monforte denuncia a perda doutro especialista máis no Hospital comarcal de Monforte

  • Monforte

A sección sindical de CIG-Saúde Monforte quere denunciar a marcha doutro especialista no Hospital Público de Monforte. Neste caso, trátase dunha das psiquiatras.

A non cobertura desta profesional está a causar un tremendo prexuízo aos pacientes, xa que neste momento hai máis de 400 persoas sen citar por este motivo.

Queremos lembrar que no hospital neste momento xa temos a falta dun cardiólogo, un neurólogo, un médico de dixestivo e agora vénse a sumar a todo isto a falta dun psiquiatra.

A falta do cardiólogo e do neurólogo está a provocar que a día de hoxe no hospital non ingresen pacientes de cardioloxía nin de neuroloxía e sexan derivados a Lugo co que iso supón para as familias.

Isto é unha das cousas que levamos denunciado moito tempo atrás e como vemos está sucedendo.

Por outra banda dicir que agora vén un radiólogo de traslado, o que vai provocar o cese dun interino. A lista de espera dos TAC está nun ano para citas normais e en tres meses para vías rápidas, cando o normal é resolver estes casos nunha semana.

A proposta da CIG, é que non cese este radiólogo e se contrate polas tardes para sacar adiante a lista de espera dos TAC. A resposta da dirección foi negativa para non variar. Ademais aquí temos un agravante xa que o xefe de servizo está prorrogando e poderíase xubilar en calquera momento co cal quedariamos cun radiólogo menos.

Dende CIG-Saúde tamén queremos comentar as declaracións do conselleiro na inauguración do remate das obras de hospital de día.

A nós parécenos moi ben que se fagan habitacións individuais nas plantas, sempre e cando iso non supoña un recorte no número de camas que temos actualmente. Si se fan 3 habitacións individuais por pranta, pasaríamos a ter 15 camas menos no noso hospital. Así que habitacións individuais si, pero que non diminúa o número de camas.

A Directora deste hospital cando chegou, dixo que ía pedir aumento de persoal, xa que recoñeceu que estabamos cunha plantilla infradotada.

Hai tres semanas que dende a CIG lle solicitamos que nos dera unha lista do persoal solicitado e aínda estamos a espera.

Señora Directora, déixese de inauguracións e festas de aniversario, e faga o seu traballo, consiga especialistas para o hospital, non deixe marchar a máis e solicite o aumento de plantilla que tanto necesita este hospital.

Volver