CIG-Saúde Monforte denuncia a precaria situación do hospital de Monforte
- Monforte
A sección sindical de CIG-Saúde no H. P. de Monforte queremos facer saber á poboación de Monforte, como van quedar os/as especialistas no hospital.
As prazas de Pediatría existentes no hospital eran catro, actualmente imos ter dúas. Seguirán vindo doutros centros facer gardas. A pesares de perder 2 pediatras, a proposta da CIG é, que debido a sobrecarga actual que hai nos centros de saúde tamén se pase consulta no hospital.
Outra especialidade que nos preocupa é a de Rehabilitación. Onte rematou o prazo para incorporarse, e non se incorporou ninguén. Polo que pasamos de ter dúas rehabilitadoras, a cero. Isto supón un serio problema asistencial, xa que non hai actualmente ninguén que poida prescribir o tratamento para os/as pacientes.
En Dixestivo incorporouse a persoa que colleu praza na oposición, pero agora está sen cubrir a praza do doutor Blanco. Segundo nos deu a entender a Directora hoxe, estase a cubrir con Medicina interna e non hai intención de cambiar isto.
En Neuroloxía seguimos igual, vaise seguir cubrindo esta praza cos/as especialistas que veñan de Lugo en lugar de ter aquí neurólogo/a.
En Cardioloxía incorporouse a persoa que colleu praza na oposición, pero está sen cubrir porque ten solicitada unha excedencia, co que volveremos quedar cun só cardiólogo.
En Xinecoloxía tampouco se incorporou a persoa que aprobou a oposición, polo que quedamos con unha profesional menos.
En Dermatoloxía, a dermatóloga tampouco se incorpora, polo que en principio vai seguir estando ata maio o dermatólogo que estaba, despois xa se verá como cobren.
Por outra banda, dende CIG-Saúde Monforte tamén queremos facer constar que o que temos denunciado tantas veces, é dicir, a perda da toma de decisións neste hospital ao perder a condición de Área Sanitaria.
A desidia por parte da Administración chega ata o punto de que na unidade de Medicina Interna leven un ano sen aparato para facer electocardiogramas. Seica está pedido dende fai un ano, feitos todos os trámites, pero resulta que a Directora nos di que non depende dela, que ella xa o solicitou, pero que dende Lugo non dan solucionado o tema.Tamén teñen nesta unidade un desfibrilador antiguo, totalmente obsoleto. Iso si, para facer fotos e vir inaugurar o que xa funcionaba, andan rápidos.
CIG-Saúde Monforte tamén quere poñer en coñecemento da poboación a grande escaseza de roupa do hospital, que moitas veces provoca que queden os/as pacientes sen asear por falta de lencería, a pesar de telo denunciado dende fai meses na dirección para que busquen unha solución.