CIG-Saúde Monforte denuncia o abandono do servizo de Fisioterapia e Logopedia no distrito

  • Monforte

A CIG-Saúde denuncia o abandono do Servizo de Rehabilitación do Hospital Público de Monforte, ao non contar con persoal médico especialista, o que causa graves trastornos ás persoas doentes. De feito, neste momento no Hospital só poden ser atendidos/as neste servizo pacientes con tratamento prescrito por un/ha facultativo/a especialista en RHB doutro hospital ou pacientes englobados/as dentro dos protocolos acordados coa dirección. Isto supón, advirten, "unha porcentaxe moi pequena con respecto a todos as persoas que necesitan deste tipo de tratamento e se atopan esperando".

O Hospital de Monforte leva dende o 24 de novembro sen persoal médico rehabilitador e hai unha lista de agarda "da que non temos datos  porque vai a unha caixa de peticións e non hai rexistros sobre esta actividade".

A isto súmaselle que os agudos atendidos por cirurxías como pode ser xeonllo e ombro son derivados polo persoal facultativo para facer tratamento, "pero os/as pacientes non poden ser remitidos novamente polos/as fisioterapeutas para controlar evolución ou se se dá o caso, empeoramento ou dar máis sesións. Terían que ser citados/as novamente ao especialista chegando a tardar, ao mellor, dous meses en velos/as", explica Vicente Vázquez, delegado da CIG-Saúde.

Engade que no Centro de Saúde de Chantada as persoas doentes atópanse coa mesma problemática que no Hospital de Monforte. Ademais, as persoas que se atopan en situación de incapacidade temporal non poden ser dadas de alta do seu proceso polo médico ou médica de familia porque non hai Servizo de Rehabilitación.

Petición para crear Fisioterapia nos centros de saúde

A CIG-Saúde tenlle pedido en numerosas ocasión á Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte que se cree nos centros de saúde de Monforte de Lemos e Quiroga un Servizo de Fisioterapia. A Xerencia alega que no centro de saúde de Monforte non se pode crear xa que está o Hospital para o seu desenvolvemento (cando en localidades como O Barco hai Fisioterapia no centro de saúde e no Hospital)  e que en Quiroga tampouco hai porque o Servizo de Atención Primaria non ten máis de 15.000 pacientes.

"Este argumento, valora Vázquez, cae polo seu propio peso, xa que o SAP de Chantada ten sobre 10.000 pacientes e conta con quenda de mañá e de tarde no Servizo de Fisioterapia". A este respecto destaca que o SAP de Quiroga comprende as unidades de Atención Primaria de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso de Caurel.

"Moitos e moitas pacientes, en vez de desprazarse ao Hospital Público de Monforte, optan con acudir á clínica privada que hai en Quiroga costeando do seu peto os tratamentos". O máis grave, salienta, é que no  centro de saúde de  Quiroga "habería espazo físico para montar un ximnasio no soto xa que no pasado houbo Servizo de Fisioterapia".

Listas dun ano para a Logopedia

A CIG-Saúde tamén quere denunciar o situación na que se atopa o Servizo de Logopedia para as crianzas que teñen o/a pediatra no  centro de saúde de Monforte, no que hai unha lista de espera dun ano de media para as crianzas do municipio e na actualidade este servizo está privatizado cunha clínica dalocalidade.

"Pero o peor de todo é a discriminación que están sufrindo os/as cativos/as de Monforte con respecto ao resto do municipios do distrito de Monforte. Estes/as  nenos/as son derivados/as polas pediatras de referencia á Unidades de Atención Temperá situadas en Quiroga e Chantada (estas unidades atenden tanto a nenos/as con diversidade funcional coma non os/as que a teñen) e case non hai lista de espera".

Volver