CIG-Saúde Monforte denuncia que remata o ano, tal e coma comezou, cunha falta de especialistas alarmante

  • Monforte

CIG-Saúde Monforte denunciamos que en pediatría de catro pediatras que debería haber, hai dúas. O peor ainda non é isto, vímonos de enterar de que as dúas prazas vacantes que teríamos que ter, están ocupadas por dúas pediatras que están traballando en Lugo, co cal non poden ofrecerse por OPE , e non se poden cubrir aquí. Todo un despropósito.

Outro caso que nos parece sangrante é o médico de HADO (hospitalización a domicilio). Somos o único hospital no que non hai unha praza de médico de HADO como tal. No ano 2021 publicouse no DOG o decreto 34/2021 do 11 de febreiro, polo que se crea a categoría de HADO. O hospital de Monforte, é o único de Galiza que actualmente está incumplindo este decreto, xa que non hai médico de HADO, se non que se está xestionando polo servizo de Medicina Interna en vez de contar con médico propio. Seica pretenden rotar cada catro meses un facultativo distinto co prexuízo que isto lle suporía aos/as pacientes. Neste caso levamos meses solicitando á Dirección que cumpra co decreto publicado no DOG, facendo caso omiso.

En Dixestivo están as dúas prazas ocupadas pero, unha delas leva de baixa bastante tempo e non se cubre.

En Psiquiatría, tamén recordamos que estamos cun facultativo de menos, non temos que lembrar aquí a importancia da saúde mental. É imposible atender a unha poboación tan grande cun so psiquiatra.

En Rehabilitación estamos igual, cun so rehabilitador, co que isto supón para os pacientes que moitas veces teñen que acudir a fisioterapeutas privados, pagando a rehabilitación do seu peto.

En Radioloxía, vense de xubilar un radiólogo e outra radióloga marcha polo concurso de traslados o 31 de xaneiro, é dicir, de catro quedariamos con 2, o cal sería un desastre de cara as listas de agarda de TAC e Ecografías.

En Laboratorio hai unha facultativa de baixa e leva moito tempo sen cubrir.

Por outra banda, tamén queremos denunciar a falta que fai que se aumente persoal nas quendas de noite, seguimos a ser o único hospital de Galiza que non conta con dúas enfermeiras de noite por planta. Ten que atender 28 pacientes, unha enfermeira soa. Fai un tempo aumentouse persoal en dúas plantas, pero temos outras tres plantas con unha enfermeira soa.

Asimesmo CIG-Saúde solicitamos aumento de TCAE e Celadores/as, e un/ha técnico/a de laboratorio na quenda de noite, xa que é moi necesario.

Tampouco nos queremos esquecer de que no Hospital de Monforte, estanse a facer moitas obras, que benvidas sexan, pero temos moito material obsoleto (por poñer un exemplo, un ecógrafo de Rx, os portátiles para facer radiografías ou algún Electro…). Cando lle decimos á dirección que hai que repoñer material a resposta sempre é a mesma, que non hai cartos e que as compras dependen de Lugo, que non poden facer nada.
Isto demostra que a perda da área sanitaria foi unha catástrofe para o Hospital de Monforte, xa que non contamos con orzamento propio, e dependemos de Lugo para todo.

Este é o resumo do ano 2024. Esperemos que o 2025 sexa mellor, ainda que temos serias dúbidas.

Volver