CIG-Saúde O Barco denuncia o abandono e desmantelamento progresivo do sistema sanitario do distrito de Valdeorras

Á insostible situación do servizo de hematoloxía, que segue manténdose en condicións precarias, con visitas puntuais de especialistas do CHUO para pasar consulta un día a semana,  hai que engadir a total falta de previsión da xerencia ante os problemas de persoal que arrastra dende principios de ano o servizo de Oftalmoloxía, no que un so oftalmólogo está cubrindo a totalidade do traballo do servizo dende fai meses. A pasividade e incompetencia na xestión da Xerencia da área sanitaria ourensá queda reflectida  na incapacidade para resolver as carencias de persoal destes servizos.

A todo isto temos que engadir a escaseza de persoal da que adoece dende fai tempo o equipo de medicina interna, e que de momento non ten visos de mellorar.

Esta xerencia está a xogar de seguido coa saúde dos cidadáns valdeorreses, deixando de forma reiterada servizos sen a asistencia profesional sanitaria adecuada.

Dende CIG-Saúde O Barco esiximos a cobertura de todas as ausencias, tanto de persoal médico como do resto de persoal sanitario en todos os servizos que se están a ver afectados por estes “recortes” encubertos.

Volver