CIG-Saúde opónse ao Plan de Benestar Laboral por culpabilizar o persoal e favorecer as mutuas
O sindicato denuncia que, fronte ás demoras asistenciais e ás carencias do sistema público, o Plan aposta por privatizar a prestación nas baixas
- Sanidade Privada
- Sanidade Pública
CIG-Saúde manifesta o seu rexeitamento á orientación sanitaria do Plan de Benestar Laboral 2026, especialmente no relativo á xestión da incapacidade temporal (IT).
O propio Plan afirma que cada baixa debe durar o tempo necesario para a recuperación da persoa e que non debe existir presión allea ao criterio clínico. As medidas que propón avanzan noutra dirección: máis control sobre as baixas, especial atención aos procesos de longa duración, utilización dos tempos estimados como elemento de alerta e unha maior intervención das mutuas e de provedores privados.
Para CIG-Saúde, o problema non son as persoas que están de baixa, senón as causas que poden atrasar a súa recuperación: as listas de agarda, as demoras diagnósticas, a falta de fisioterapia, os recursos insuficientes en saúde mental, a sobrecarga da Atención Primaria ou as dificultades para acceder á atención especializada.
Diñeiro público para alimentar unha rede sanitaria privada paralela
CIG-Saúde rexeita especialmente a medida COIDA PEME, que contempla axudas económicas para que pemes e persoas autónomas contraten atención psicolóxica e musculoesquelética para o seu persoal mediante provedores homologados.
Na práctica, isto significa destinar fondos públicos á contratación de asistencia sanitaria privada mentres existen listas de agarda e falta de recursos nestas mesmas prestacións no SERGAS.
A poboación traballadora non necesita unha sanidade diferente segundo a empresa na que traballe. Necesita unha sanidade pública con recursos suficientes para atender con rapidez a toda a cidadanía.
Máis control sobre as baixas non resolve as causas das baixas
O Plan tamén pretende estender a todas as áreas sanitarias o denominado Plan de mellora da xestión e control da IT, reforzando a inspección e o seguimento presencial e poñendo especial atención nas baixas de longa duración e nas áreas con duracións medias superiores.
CIG-Saúde advirte de que unha baixa longa non é unha baixa inxustificada. A súa duración depende da patoloxía e da evolución da persoa, pero tamén da capacidade do propio sistema sanitario para diagnosticar, tratar e rehabilitar.
Antes de fiscalizar máis ás persoas traballadoras, o SERGAS debería analizar que acontece coas listas de agarda, coa rehabilitación, coa saúde mental, coa atención especializada e cos recursos da Atención Primaria.
As mutuas non poden converterse en prestadoras da asistencia das continxencias comúns
CIG-Saúde considera especialmente preocupante que o Plan propoña ampliar a colaboración coas mutuas para realizar probas diagnósticas, tratamentos, rehabilitación e actuacións asistenciais en procesos de incapacidade temporal por continxencias comúns de orixe traumatolóxica, en lugar de incrementar estruturalmente a capacidade do SERGAS para beneficiar a toda a poboación.
CIG-Saúde rexeita que as listas de agarda do SERGAS se pretendan solucionar derivando ás mutuas as persoas que están de baixa a través de circuitos asistenciais diferenciados.
IANUS: a historia clínica non pode ser un instrumento de control laboral
CIG-Saúde mantén tamén unha posición clara sobre o acceso á información clínica.
O Plan prevé integrar en IANUS probas, tratamentos e actuacións realizadas polas mutuas e incorporar información relacionada coa ocupación, as tarefas e os riscos laborais.
Para CIG-Saúde deben existir garantías máximas sobre quen accede á información clínica, a que datos, con que finalidade, durante canto tempo e con que trazabilidade.
A historia clínica existe para garantir a asistencia sanitaria. Non pode converterse nun instrumento ao servizo do control laboral ou da prestación económica da incapacidade temporal.
Máis recursos para a sanidade pública, non máis presión sobre quen enferma
CIG-Saúde tamén defende o incremento de profesionais de psicoloxía clínica e o reforzo da saúde mental no SERGAS, pero rexeita que este reforzo se articule arredor do control e da duración das baixas.
Do mesmo xeito, considera inaceptable que a falta de espazo físico ou a denominada “dimensión organizativa suficiente” poidan limitar a creación de postos de traballo necesarios: se faltan espazos, a Administración debe ampliar ou adaptar as infraestruturas, non utilizar as súas propias carencias como límite para incrementar os cadros de persoal.
Para CIG-Saúde, a incapacidade temporal non é unha “carta de dereitos e deberes” ou “contrato social” coa Administración. É unha situación clínica e unha prestación legalmente recoñecida cando unha persoa non pode desenvolver o seu traballo. A alta e a baixa dependen do criterio clínico do persoal facultativo, non dunha obriga da persoa enferma de demostrar permanentemente que está facendo o suficiente para reincorporarse.
CIG-Saúde reclama actuar sobre as causas que enferman ás persoas e sobre as deficiencias do sistema que atrasan a recuperación.
Novas Relacionadas
Últimas novas