CIG-Saúde presenta alegacións para que nos orzamentos se melloren as condicións laborais do persoal do SERGAS

Reclama contratos estables e a recuperación de dereitos salariais, laborais e sociais

  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde vén de remitir as súas alegacións aos orzamentos para o ano 2024. Entre outras cuestións reclama a mellora das condicións de traballo do persoal temporal, que entende que pasan por ofrecer contratos estables; a identificación das prazas estruturais, para saber cales son as necesidades inmediatas de persoal e que se contemplen partidas xa nestes orzamentos; a regulación da xornada complementaria para todo o persoal ou a recuperación das subas salariais pendentes, entre outras.

Segundo explica o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, para mellorar as condicións de traballo do persoal temporal demandan que tanto nos orzamentos como na lei de medidas “ten que se ver reflectido un cambio na política de contratación do SERGAS, ofrecendo contratos estables que respondan ao principio de causalidade, eliminando o fraccionamento dos contratos e respectando as libranzas correspondentes e favorecendo o goce dos días de libre disposición e vacacións durante o contrato”.

Non se poden limitar permisos pola duración do contrato

Isto xunto á regulación do dereito deste persoal aos mesmos permisos que o resto. “Non se poden limitar permisos xustificándoo na duración do contrato, nin tampouco forzando ao persoal temporal a que perda o contrato porque no primeiro día solicita un permiso”, explica o secretario nacional.

Do mesmo xeito reclama que se regulen os cómputos de xornada do persoal temporal, sobre todo, no que ten que ver coa aplicación da fórmula dos contratos inferiores a 31 días, que non detrae xornada pola realización de noites. Neste sentido Moreira subliña que “a aplicación do tipo de fórmula contrato a contrato, sen ter en conta a xornada realizada en cómputo anual, provoca que o persoal temporal realice unha xornada moi superior”. A isto engade que “todos os permisos deben considerarse como xornada efectiva, tanto a efectos do cómputo desas horas como no cómputo das noites que detraen xornada”.

Identificación do cadro de persoal

 A CIG-Saúde demanda, canda isto, a negociación dun sistema identificativo do cadro de persoal do SERGAS: fixos/as, interinos/as, temporais cubrindo prazas estruturais, temporais fóra de cadro de persoal, xubilacións… para identificar as prazas estruturais e analizar as necesidades inmediatas para incorporalas xa nos orzamentos do ano 2024.

A este respecto, Manuel G. Moreira apunta que “a análise das ratios do persoal de todas as categorías da Atención Hospitalaria ten que verse reflectido na consolidación de todas as prazas estruturais existentes e o incremento das prazas necesarias” e que “as necesidades de persoal contempladas na avaliación de necesidades da implantación das carteiras de servizos de Atención Primaria así como do Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria deben figurar no incremento do cadro de persoal dos orzamentos 2024”.

Xunto a isto a CIG-Saúde demanda a regulación da xornada complementaria; a recuperación das subas salariais pendentes; a recuperación dos LDs pendentes ou a equiparación da contía do complemento específico do persoal do SERGAS coa do persoal da Xunta de Galiza e que recoñezan aos/as profesionais facultativas/os, con formación de Grao de 6 anos máis 4 ou 5 anos de formación da especialidade, o NIVEL 26. Isto xunto coa negociación dunha nova clasificación profesional adaptada ás funcións e ás titulacións actuais das/os profesionais da sanidade pública.

Ademais, respecto do acordo retributivo do 20 de abril de 2023 demandan que nos orzamentos se recolla unha garantía de revisión das contías contempladas no acordo, en función das subas salariais que poidan aplicarse para o ano 2023 e 2024 a nivel do Estado.

Xubilación anticipada

A CIG-Saúde vén demandando, desde hai anos, o dereito á xubilación anticipada aos 60 anos, sen perda retributiva. O secretario nacional de CIG-Saúde sinala que a actual lexislación recoñece o dereito, pero aos 63 anos e “sempre que teñamos cotizados entre 38 anos e 6 meses e 44 anos e 6 meses e a idade da persoa sexa inferior en 2 anos, como máximo, á idade esixida en cada caso”.

Denuncia que, porén, esta xubilación anticipada “ten unha peaxe”, porque aplican porcentaxes de redución da contía da pensión que vai dende un 2,81% por adiantar a xubilación 1 mes, ata un 21% por adiantala 2 anos. “O máis lesivo é que chegados os 65 anos, non se recuperan as contías perdidas. Implica que esa pensión reducida se manterá así durante toda a vida”.

Por iso solicita que, a través dos orzamentos da Xunta, facendo uso das súas competencias, incentive a xubilación anticipada aos 63 anos, introducindo as medidas necesarias nos orzamentos do 2024, para que aquelas persoas que reúnan os requisitos para a xubilación anticipada, se poidan xubilar aos 63 anos co 100% das retribucións.

A isto González Moreira matiza que “ademais queremos que o goberno da Xunta inste ao goberno español a que recoñeza o dereito á xubilación aos 60 anos ao persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios”. Rebaixa da idade mínima de xubilación para a que ten que abrirse a negociación da modificación da Lei 40/2007, do 4 de decembro, de medidas en materia de Seguridade Social.

A maiores, entre as alegacións da CIG-Saúde tamén salienta a recuperación das retribucións íntegras das pagas extraordinarias; a exención de noites; a desaparición da categoría de  facultativa/o especialista de Atención Primaria e a integración destes profesionais como Médicas/os de Familia; a retirada da excepción que se aplica ao persoal estatutario do SERGAS á hora de interpretar permisos e licencias ou a supresión do requisito adicional dun ano de permanencia na praza para poder participar no concurso de traslados.

Volver