CIG-Saúde presenta arredor de 400 sinaturas de persoal de Primaria para reclamar ao SERGAS equipos de protección individual
Denuncian que están atendendo emerxencias na rúa coa súa roupa particular o que fai que sexan invisibles
- Sanidade Pública
- Saúde laboral
A CIG-Saúde presentou esta mañá arredor de 400 sinaturas recollidas entre os e as profesionais de Atención Primaria dos centros de saúde de todas as áreas sanitarias, para reclamar a dotación dos EPIS (Equipos de Protección Individual) necesarios para facer o labor asistencial fóra do centro.
O persoal de Atención Primaria adoita ser mobilizado para prestar asistencia sanitaria fóra dos centros. En múltiples ocasións é o primeiro en chegar ao lugar do accidente a onde acode, a maior parte das veces, con roupa propia, facéndose invisibles no lugar do accidente. O mesmo ocorre nas visitas domiciliarias que se prestan a usuarias e usuarios polo persoal de Hospitalización a Domicilio (HADO).
A necesidade destes EPIS, vén recoñecida nas avaliacións dos postos de traballo por parte das Unidades de Prevención de Riscos Laborais ( UPRL). Até o de agora, e despois das múltiples denuncias feitas na Mesa Central de Prevención de Riscos, por parte de CIG-Saúde, só se lle proporciona ao persoal unha parka, obviando as recomendacións restantes das UPRL que consideran a dotación de:
- traxe enteiro: Pantalón e casaca
- Chaleco reflectante
- Roupa de Abrigo reflectante
- Calzado de protección fronte aos golpes.
A CIG-Saúde lembra que esta dotación, é a mesma que consta nos requirimentos que efectúa a Inspección de Traballo, cando se fan as pertinentes denuncias nos centros, polo que entenden que “claramente, o SERGAS, está a incumprir as recomendacións de xeito xeral para todos os centros, facendo prevalecer o aspecto económico diante da seguridade das e dos traballadores.
As sinaturas recollidas en todas as áreas sanitarias evidencian a necesidade de dotación deste material para desenvolver o traballo das e dos profesionais sanitarios en condicións de seguridade ante situacións adversas tanto climatolóxicas como en situacións de accidentes.
Ninguén asimila a presenza dun bombeiro ou un policía sen a uniformidade correspondente, pero no mesmo lugar do accidente si podemos ver a traballadoras e traballadores sanitarios facendo o seu labor asistencial a pé de usuarias e usuarios, sen ningunha indumentaria identificativa.