CIG-Saúde reclama abrir a negociación dun acordo de mellora retributiva para todas as categorías do SERGAS
Propoñemos compensar no soldo base e nos trienios a demora na reclasificación profesional
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
CIG-Saúde vén de solicitar á Consellería de Sanidade e á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS a convocatoria da Mesa Sectorial para negociar un acordo marco de mellora retributiva que abranga todas as categorías do persoal estatutario.
O persoal que traballa na sanidade leva anos agardando por unha reclasificación que recoñeza a súa formación, as funcións que realiza e as responsabilidades que asume. Esta demora non pode seguir sendo a escusa para adiar tamén as melloras salariais.
Que propoñemos?
Reclamamos que todas as categorías perciban as contías de soldo base e trienios correspondentes ao grupo ou subgrupo de clasificación inmediatamente superior ao actual. Mentres non se materialice a reclasificación, a diferenza económica deberá aboarse mediante o mecanismo retributivo que se acorde na negociación.
A proposta busca garantir a percepción íntegra destas diferenzas, tanto no soldo base como na antigüidade, e corrixir o agravio respecto do persoal funcionario da Xunta para o que xa se fixo efectiva a reclasificación.
Unha compensación mentres chega a reclasificación
Esta medida tería carácter transitorio e manteríase ata que a reclasificación profesional fose efectiva. Non substitúe nin limita o dereito á reclasificación, que CIG-Saúde continuará esixindo.
Solicitamos que a negociación comece cun calendario de traballo e unha proposta de aplicación económica. A Administración sanitaria debe asumir a súa responsabilidade e dar unha resposta concreta: o persoal do SERGAS non pode seguir soportando indefinidamente o custo desta demora.