CIG-Saúde rexeita as medidas en materia de recursos humanos para o persoal de atención primaria
Estas medidas non forman parte do ámbito de negociación da Mesa Sectorial, son a resposta a unha situación de crise sanitaria
- Atención primaria
- Sanidade Pública
CIG-Saúde rexeita as medidas en materia de recursos humanos comentadas na MESA SECTORIAL do 19 de xullo de 2022.
As medidas presentadas, de xeito verbal, na Mesa Sectorial teñen como obxectivo actuar sobre as consecuencias da situación de deterioro asistencial que se está a dar neste momento ao non poder garantir as presenzas de profesionais en determinados PACs.
Estas medidas non forman parte do ámbito de negociación da Mesa Sectorial, son a resposta a unha situación de crise sanitaria e a Administración ten que asumir esta situación e tomar as medidas que permite o marco legal para situacións excepcionais, como a que se vive estes días na área sanitaria de Pontevedra O Salnés, pero que mañá
poden darse noutra áreas sanitarias.
No ámbito de negociación da Mesa Sectorial está o Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria, que tería que estar facendo a análise de necesidades e ver as medidas necesarias para dar a resposta a esas necesidades. Tamén está adiantarse a situación crecente de déficit de profesionais da enfermería, é urxente adaptar as necesidades de profesionais á oferta formativa, e isto non depende do goberno de Madrid.
Esta situación de dificultade para garantir as presenzas de profesionais en determinados PACs ten efectos no 061, que ten que facer un uso intensivo do transporte sanitario urxente para trasladar doentes desde os seus domicilios aos servizos de urxencias; ao non poder ser valorados previamente por profesionais de PACs, estanse trasladando doentes aos servizos de urxencias que, nalgúns casos, poderían ter sido tratados no seus domicilios.
E tamén afecta aos servizos de urxencias, que teñen que ver un volume de pacientes que non deberían chegar as portas das urxencias hospitalarias nunha situación de normalidade asistencial nos PACs.
Pero esta situación non é responsabilidade das profesionais dos PACs nin do conxunto da Atención Primaria.
En todo caso, as profesionais dos PACs, dos Centros de Saúde, do 061 e dos servizos de urxencias tamén son vítimas dunha situación que eles non provocaron e que ten unha clara afectación na calidade asistencial prestada ao conxunto da cidadanía.
As medidas propostas deberían ir na liña de recoñecer a situación de crise sanitaria, estudar as causas que xeran esta situación, avaliando como se chegou aquí e asumindo as responsabilidades na xestión, ou na ausencia dela, realizada nos últimos anos.
A falta de profesionais que queiran traballar na Atención Primaria é evidente, a metade das residentes que remataron a súa formación en Medicina Familiar e Comunitaria nos últimos 5 anos non están a traballar na Atención Primaria, algúns están nas Urxencias Hospitalarias, outras no 061 e outras noutros ámbitos da sanidade privada ou mutuas.
As persoas que estudan medicina e rotan facendo prácticas, no quinto ano, polos Centros de Saúde, e ven como é a súa realidade no día a día, deciden facer calquera outra especialidade antes que Medicina familiar a Comunitaria, chegando a deixar desertas prazas de formación MIR, ou renunciando a elas no primeiro ano de formación.
Esta é a realidade.
Pero a resposta á situación actual non pode ser que non hai profesionais da Medicina de Familia, temos que preguntarnos cal é a razón para que sexa así e que medidas estruturais tomamos para que deixe de selo.
E a razón para que non haxa profesionais é que, ano tras ano, as condicións de traballo na Atención Primaria foron empeorando, e profesionais cunha alta formación ven frustradas as súas expectativas de ter un desempeño profesional minimamente satisfactorio, que permita poñer a súa formación e a súa dedicación ao servizo das necesidades dos pacientes que acoden á Atención Primaria.
Ou melloramos esas condicións de traballo, e non é so un tema retributivo, ou as prazas de formación que incrementemos seguiran a quedar desertas, e dos que se forman, os que poden elixir, elixen traballar noutros ámbitos.
As medidas proposta non van na liña de mellorar as condicións de traballo, son medidas que penalizan máis a profesionais xa sobrecargados, que están soportando co seu esforzo o peso da nosa sanidade pública, e que ven ameazada a organización das súas quendas de traballo, concentrándoas nas fins de semana, incrementando a mobilidade forzosa ou recortando o seu dereito a ter as vacacións nos períodos xa concedidos, entre outras cousas, é dicir máis recortes de dereitos, como se eles foran os culpables da situación.
CIG-Saúde entende que é responsabilidade da Administración sanitaria tomar as medidas necesarias para garantir a asistencia sanitaria, nunha situación de crise como esta, que non é puntual, que vai durar no tempo até que se incorporen novos profesionais.
É obriga da Administración sanitaria facelo; pero temos claro que enfrontar profesionais de distintos ámbitos, ou aplicar medidas en contra das traballadoras e traballadores, non vai contribuír a solucionar as causas que xeran os problemas actuais.